O colexio Rosalía de Castro benefíciase do plan de seguridade dos entornos escolares en Lugo

O Colexio Rosalía de Castro será un dos beneficiarios do plan de seguridade dos entornos escolares que impulsa a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo.
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno local adxudicou as obras por un importe de 124.078,45 euros. Este investimento permitirá crear unha plataforma única con zonas axardinadas e bancos, xerando un novo espazo de convivencia semellante ao que existe no norte da cidade, na contorna do Colexio Luís Pimentel.
O CEIP Rosalía é un dos cinco centros incluídos no programa de vieiros escolares seguros, que procura facilitar a conciliación familiar, fomentar hábitos de vida saudables e reducir o tráfico rodado arredor dos colexios.
Ademais, o contrato aprobado tamén contempla a renovación da rede de abastecemento e as canalizacións do alumeado, co obxectivo de mellorar tanto os servizos como a imaxe da contorna.
Rubén Arroxo informou tamén da prórroga do contrato para a maquetación, impresión e distribución do programa das festas do San Froilán. A empresa Producciones MIC será a encargada de imprimir e distribuír 45.000 programas, 4.000 carteis do San Froilán e 500 carteis do San Froilán Miúdo.
Este contrato non supón gasto para o Concello, xa que a empresa cubrirá os custos e, ademais, aportará 300 euros ao Concello a través da explotación dos espazos publicitarios incluídos no programa das festas.