O colexio Salesianos Lugo organizou a I Feira Científica Don Bosco

O centro educativo Divina Pastora Salesianos de Lugo, xunto co Seminario Diocesano San Lorenzo, organizou a I Feira Científica Don Bosco, unha iniciativa na que participaron ata 32 rapaces e rapazas de varios cursos da ESO, Bacharelato e Formación Profesional (FP) de seis centros de Lugo, Galicia e León.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada pola concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, achegouse á praza da Milagrosa, onde se xuntaron máis de 500 escolares de diferentes centros lucenses.
A alcaldesa Paula Alvarellos destacou o "talento, emoción e creatividade" dos mozos e mozas presentes, resaltando que os proxectos presentados na feira mostran o compromiso da xuventude coa sociedade.
"Puidemos coñecer proxectos nos que a ciencia se pon ao servizo do benestar dos maiores, da seguridade viaria ou do medio ambiente", afirmou.
Alvarellos tamén quixo felicitar aos organizadores desta iniciativa e aos participantes, e expresou o seu desexo de que "estes proxectos científicos se convertan nunha realidade e que sirvan para inculcar novas vocacións científicas entre os estudantes".