O Coliving Artístico de Lugo organiza un obradoiro de creación plástica para a cativada

LugoXa
A actividade busca achegar aos máis pequenos á arte contemporánea a través de accións como coser, debuxar, ensamblar e recortar
obradoiro_Coliving_artistico_municipal_lugo
8 sep 2024

O Coliving Artístico Municipal do barrio do Carme acollerá o sábado 14 de setembro un obradoiro de creación plástica dirixido a nenos e nenas de 4 a 9 anos. A actividade, organizada polo colectivo A Escola Imaxinada, busca achegar aos máis pequenos á arte contemporánea a través de accións como coser, debuxar, ensamblar e recortar, permitindo recoñecer e reinterpretar o entorno natural do barrio. O taller, titulado “O Gran Teatro da Natureza”, terá lugar de 10:00 a 13:30 horas e contará cun máximo de 25 participantes.

O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, explicou que o obradoiro enmárcase na programación deseñada polo Concello para dar a coñecer o Coliving e fomentar o seu uso. Ademais, avanzou que en 2025 está previsto que entre en funcionamento o Regulamento de Residencias Artísticas Internacionais, o que permitirá a artistas de todo o mundo optar a bolsas para desenvolver os seus proxectos neste espazo durante tres meses.

A Escola Imaxinada, colectivo organizador do obradoiro, está composto por profesionais das artes, arquitectura, filosofía e educación infantil, e ten como obxectivo achegar metodoloxías creativas ás escolas e contribuír ao deseño de espazos educativos de calidade. Actualmente, desenvolven o proxecto "O laboratorio de formas rural", premiado por Art For Change da Fundación La Caixa. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do enderezo electrónico cam@lugo.gal, e as prazas cubriranse por rigorosa orde de solicitude.

0.16824007034302