O Coliving artístico do barrio do Carme abrirá nas próximas semanas

LugoXa
A nova dotación municipal disporá dunha programación propia orientada a todos os publicos, que se prolongará ata finais de ano
visita-coliving-carme
Un momento da visita
14 Xuño 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, anunciou que o Coliving artístico municipal empezará a funcionar ao longo das vindeiras semanas. Deste xeito, a nova dotación convertirase durante os vindeiros meses nun eixo dinamizador da cultura do barrio do Carme e da contorna. Durante unha visita a instalación, a rexedora explicou que “nesta fase inicial de posta en marcha do Coliving apostamos por impulsar a organización de eventos e actividades para dar a coñecer o edificio entre a cidadanía, as comunidades artísticas e os axentes culturais da comunidade”.

Así, o Concello organizará unha serie de citas culturais e artísticas ao longo dos vindeiros meses e ata final de ano que servirán para divulgar o novo equipamento. “As primeiras actividades, que se desenvolverán este verán, están orientadas a un público familiar. Mentres que os eventos programados para o outono se dirixen ao sector profesional e supoñerán a antesala do que será o funcionamento ordinario do colinving a partir de 2025 cando se prevé que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving”, explicou Alvarellos.

De feito, haberá un taller de recoñecemento natural da contorna do Coliving, a cargo dunha artista contemporánea e paisaxista experta en vexetación urbana como é Noa Rodríguez. Así mesmo, o Executivo de Paula Alvarellos organiza para o mes de xullo un paseo dinamizado polo Carme e exploración botánica urbana. Nestes meses haberá tamén un concerto acústico exterior inspirado na música tradicional lírica galega, a cargo da artista Nebra con son en directo ao aire libre que tamén terá lugar este verán.

Polo tanto, durante o outono celebrarase un taller interactivo centrado na exploración da contorna e a creatividade a través da pedagoxía do lugar, promovendo así a conexión coa natureza e o uso do coliving. Este obradoiro estará dirixido a nenos e familias e incluirá actividades prácticas como debuxo, construción e exploración sensorial. Ademais, durante este período, e aproveitamento as características do edificio anexo ao coliving, este funcionará como espazo expositivo. Así, as obras expostas aloxaranse no interior do inmoble mentres que o público poderá contemplalas desde a zona pública axardinada, seguindo así o modelo de éxito implementado nos Storefront de cidades referente como Nova York ou Oporto.

Estes eventos terán como obxectivo unha aproximación á cidadanía e ao tecido artístico local. “Definimos unha estratexia dirixida á co-creación participativa do proxecto, procurando un equilibrio entre o encontro de axentes especializados e a exhibición de talento local en áreas relacionadas con diversas disciplinas artísticas e a creación contemporánea”, explicou Mauricio Repetto.

Así mesmo, o edil subliñou que “a programación completarase con dúas sesións de co-deseño con axentes profesionais”. Nestas sesións contarase coa presenza de diferentes axentes referentes do sector co fin de establecer visións, feedback e conclusións ao proceso de deseño e desenvolvemento do coliving artístico e, á súa vez, a situalo no mapa cultural. En cada unha destas sesións abordarase un tema específico. Nunha delas o tema xirará ao redor da xestión de diferentes tipos de residencias artísticas; mentres que a outra versará en torno ao traballo desde o local cara ao europeo. A maiores nestes dous eventos haberá unha mesa de micro-conferencias abertas ao público que mostren referencias de éxito e unha posterior mesa de traballo con dinámicas de co-deseño.

“Ao mesmo tempo xa se está a elaborar o documento técnico regulador que establece as bases das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving, tomando como base as guías de boas prácticas establecidas por diferentes institucións de recoñecido prestixio”, avanzou a rexedora. Estas bases regularán a convocatoria para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, durante os que desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público e á cidadanía lucense na zona expositiva deste novo equipamento.

De forma complementaria, o Goberno local tarballa na equipación de mobiliario e menaxe para o desenvolvento da vida cotiá durante os periodos de residencia. O centro poderá acoller a tres artisitas de forma simultanea. Ademais, Repetto destacou que o Coliving artístico contará co acompañamento profesional e empresarial do CEI-Nodus, de modo que se ofrecerá asesoramento aos residentes que así o desexen para poñer en marcha novos proxectos empresariais na cidade.

Características da infraestrutura

O proxecto supuxo a recuperación da que fora a vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios -situada ao pé do Camiño Primitivo- e a construción dunha nova edificación que será área expositiva, así como a recuperación de 3.000 m2 de zonas verdes ao seu carón, que se habilitarán como zona cultural aberta a toda a cidadanía e que contará con programación propia.

Deste xeito, reformouse a construción existente, que dispón actualmente de tres habitacións e doutros espazos comúns, áreas de traballo e talleres; ao tempo que se ampliou o equipamento coa creación dun novo edificio independente, de madeira e cristal para incrementar a sensación de lixeireza e evitar que resulte invasivo na paisaxe e que, á súa vez, actuará como escenario de concertos, teatro e mostra do labor dos e das artistas residentes.

Trátase dunha intervención totalmente respectuosa coa contorna, que supuxo un investimento de 490.978 €, financiada nun 80 % con fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o Coliving é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, encamiñada a unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para conseguir unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

O proxecto nace da aposta decidida do Concello pola cultura como elemento dinamizador da economía local e tamén como unha das accións deseñadas para poñer en valor e revitalizar o barrio do Carme. Neste senso, a alcaldesa lembrou que “se suma a outras actuacións como a peonalización e humanización da praza e a rúa do Carme ou a rehabilitación e musealización da Cloaca Romana de Porta Miñá, coas que queremos dar un novo pulo a esta zona emblemática do municipio”.

0.15526294708252