O Coliving Artístico Municipal celebra a primeira sesión de escoita para o tecido cultural de Lugo

LugoXa
A iniciativa supuxo o inicio dunha serie de actividades de co-deseño que conectarán a profesionais da cultura, co obxectivo de establecer o arranque do CAM en 2025
Sesion_escoita_coliving_Lugo
1 Ago 2024

Unha vintena de profesionais e axentes culturais da cidade participaron na primeira sesión de escoita celebrada no Coliving Artístico Municipal. Esta iniciativa supuxo o punto de partida dunha serie de actividades de co-deseño que conectarán a profesionais da cultura tanto locais como estatais e internacionais, co obxectivo de establecer o arranque do CAM en 2025 a través da I Convocatoria de Residencias Artísticas.

Na actividade tamén participou o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen explicou en detalle o proxecto e a súa estratexia de posta en marcha. “Esta primeira sesión de escoita supuxo unha oportunidade para atender e aprender do movemento cultural de Lugo. Queremos que este espazo sexa un reflexo vivo das necesidades e aspiracións dos nosos artistas e axentes culturais," destacou o edil.

O Coliving Artístico Municipal sitúase ao pé do Camiño Primitivo e busca unir a trama urbana de Lugo co seu entorno fluvial. Tras a rehabilitación da vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios, o complexo conta agora con dúas edificacións para residencia, obradoiro e exhibición, así como unha ampla infraestrutura verde aberta a toda a cidadanía con programación propia. "A instalación non só é un lugar para crear, senón tamén un espazo para conectar e colaborar. Estamos comprometidos en facer deste proxecto un exemplo de innovación e revitalización cultural," lembrou Repetto.

Esta sesión de escoita foi a primeira dunha serie de encontros de co-deseño que continuarán no outono deste ano. En eles, profesionais da cultura de diferentes ámbitos poderán compartir experiencias e proxectos, co fin de establecer o arranque do CAM en 2025. Ademais, planificáronse actividades como concertos acústicos e talleres interactivos para dar a coñecer as instalacións e fomentar a participación da comunidade.

"Estamos ilusionados cos primeiros pasos do Coliving Artístico Municipal. Este proxecto será un motor de creatividade e un punto de encontro crucial para a comunidade artística de Lugo," conclíu Repetto. As persoas interesadas en participar deberán enviar un correo electrónico a cam@lugo.gal.

0.17742586135864