O Coliving do Carme acollerá este domingo a presentación da orquestra xoven de Lugo Terra Nova

LugoXa
O evento terá lugar a partir das 19:30 horas e contará con dous concertos dos grupos TerraTrompas e TerraCordas, dirixidos polo músico Nicolás Raveli
concerto-orquestra-terra-nova-lugo
13 sep 2024

O Coliving Artístico Municipal do Carme acollerá este domingo, 15 de setembro, a partir das 19:30 horas, a presentación da nova tempada 24/25 da orquestra xoven de Lugo Terra Nova, que dirixe o músico Nicolás Raveli. A formación musical –que iniciou os seus ensaios en novembro de 2022 e realizou a súa primeira actuación en decembro dese mesmo ano, ofrecendo un concerto de Nadal no Círculo das Artes–, conta co apoio do Concello de Lugo a través da área de Xuventude e Deportes, que dirixe o edil Jorge Bustos.

A Orquestra Terra Nova é un proxecto musical e pedagóxico autoxestionado, no que un grupo de xóvenes instrumentistas, tanto da cidade de Lugo como doutros puntos de Galicia, impulsan o funcionamento dunha orquestra sinfónica, co obxectivo de promover a difusión da música sinfónica universal e local, así como contribuír á profesionalización da práctica orquestral e coral.

A cita deste domingo terá lugar a partir das 19:30 horas e contará con dous concertos dos grupos TerraTrompas e TerraCordas. Así mesmo, o día anterior, o sábado 14 de setembro, o Coliving acollerá un obradoiro para achegar á creación plástica contemporánea a nenos e nenas de 4 a 9 anos, da man do colectivo A Escola Imaxinada, composto por profesionais do campo das artes, a arquitectura, a filosofía e a educación infantil e primaria.

Estas actividades forman parte da programación impulsada dende o Executivo municipal ata final de ano para dar a coñecer esta nova dotación e fomentar o seu uso, mentres que en 2025, prevese que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving.

Obradoiro 'O Gran Teatro da Natureza'

Baixo o título O Gran Teatro da Natureza a actividade combinará accións artísticas como coser, debuxar, ensamblar ou recortar mediante as que se irá recoñecendo o entorno natural do Barrio do Carme, creando un escenario colectivo entre os procesos desenvoltos. Desenvolverase en horario de 10:00 a 13:30 horas e estará destinado a un máximo de 25 participantes. Para asistir será preciso inscribirse previamente a través do enderezo electrónico cam@lugo.gal As prazas cubriranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes.

O Coliving do Carme, inaugurado en xuño, está deseñado para ser un catalizador da creatividade e do desenvolvemento profesional no ámbito artístico e cultural, pero tamén para contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo. En 2025, espérase que entre en funcionamento o Regulamento de Residencias Artísticas Internacionais, o que permitirá a artistas de todo o mundo optar a bolsas para desenvolver os seus proxectos neste espazo durante tres meses.

Así, xa se están a elaborar as bases que regularán a convocatoria destas residencias, para que as e os artistas interesados poidan optar a bolsas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, para desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público na área expositiva deste mesmo centro.

0.19968295097351