O comité de empresa do Concello de Monterroso oponse á privatización do Servizo de Axuda no Fogar
O comité de empresa do Concello de Monterroso vén de manifestar o seu "rexeitamento absoluto" á privatización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no municipio.
Os representantes dos traballadores municipais reuníronse coa alcaldesa, Rocío Seijas, para solicitarlle que "reconsiderara a decisión" de privatizar este servizo. A rexedora aseguroulles que se trata dunha decisión definitiva e "que xa non ten volta atrás".
Segundo o comité de empresa, esta decisión política "que privatiza un servizo público esencial" conlevará "empeorar as condicións das traballadoras do SAF e suporá un incremento de gasto para o concello, que van a pagar todos os veciños e veciñas de Monterroso".
O goberno local de Monterroso anunciara a principios deste mes a intención de licitar o SAF, co fin de solventar os problemas de escaseza de persoal que arrastran desde fai tempo e que, según recoñecía naquel momento a propia rexedora, están a supoñer “serios inconvintes” para os usuarios e usuarias do servizo.
Desde o comité de empresa trasládanlle ademais o seu apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar "nestes difíciles momentos".