O Concello abre o prazo de licitación para a xestión da cafetería do Parque Rosalía de Castro
O Concello de Lugo autorizou, en Xunta de Goberno, a apertura do procedemento para licitar a xestión da cafetería do Parque de Rosalía de Castro, logo de que a área de Contratación actualizara os pregos para adecualos ao contexto económico e social actual.
Así, a tenenta de alcaldesa e responsable de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que o canon para a súa explotación sairá a concurso por un mínimo de 1.500 euros ao mes (18.000 € anuais).
“Optamos por manter o mesmo importe que xa figuraba nas anteriores bases, de 2012, co obxectivo de facilitar a concorrencia do maior número de participantes no proceso e sendo conscientes da realidade tan complexa que vivimos neste momento e que pode condicionar o emprendemento”, referiu a edil.
A este respecto, Alvarellos Fondo destacou o valor engadido co que contan as instalacións, “como é un emprazamento inigualable, en pleno corazón da cidade e nun dos espazos verdes máis simbólicos de toda a capital: o parque centenario de Rosalía de Castro. Un lugar de visita obrigada e un espazo de convivencia por excelencia en Lugo que practicamente garante o fluxo constante de persoas nas inmediacións, nas que tamén se atopan centros educativos e dependencias xudiciais que contribúen a incrementar a súa viabilidade económica, polo que convidamos ao empresariado local a concorrer ao proceso e presentar as súas ofertas”.
A concesión, que se suma ás outras tres que actualmente o Concello mantén en vigor (nas piscinas do Parque da Milagrosa e das Pedreiras e no CEI Nodus) ten unha duración de cinco anos e poderá ser prorrogada até un máximo de dez.