O Concello abre o proceso de licitación para a peonalización de Santo Domingo e rúa Teatro
Aberto o proceso de licitación da peonalización da Praza de Santo Domingo e a rúa do Teatro, a última obra pendente de contratar das actuacións comprendidas na planificación Zero: Corazón verde para a peonalización integral do Centro Histórico.
O obxectivo, lembrou a rexedora, “é gañar espazos para a cidadanía, máis confortables para a convivencia e para o impulso do comercio, reducindo o tráfico rodado e renaturalizando a zona co fin de minorar a contaminación atmosférica, os niveis de ruído e as vibracións, altamente prexudiciais para a saúde e perigosas para a conservación do noso rico patrimonio histórico”.
“Esta intervención ten como finalidade reurbanizar e humanizar unha contorna neurálxica dentro do recinto amurallado, promovendo zonas peonís e de estancia nas que se demolerán a totalidade dos pavimentos existentes, se renovarán os servizos urbanos básicos como o abastecemento – para o que se substituirán as tubaxes de pvc e fibrocemento por outras de fundición dúctil - e se acometerá a execución da canalización para o soterramento dos actuais cableados grampados por fachada correspondentes a distintas compañías subministradoras de enerxía ou servizos telefónicos”, explicou Lara Méndez.
“Será unha rexeneración completa que mellorará a percepción visual da paisaxe urbana actual”, afirmou.
Así, proxéctase a creación dunha plataforma compartida que amplía o uso peonil a todo o espazo público e que inclúe a dotación de mobiliario urbano moderno e polivalente, alén da renovación e incorporación de elementos vexetais que favorezan a imaxe xeral da praza na que tamén se quere poñer de relevo e enfatizar a nobreza dos inmobles que contén.
“O seu deseño servirá de nexo con outros espazos representativos da cidade onde xa estamos dando pasos tamén cara un urbanismo integrador, pensado para as persoas como principais protagonistas da mobilidade, e no que se incorpora a perspectiva de xénero”, engadiu Méndez.
A alcaldesa debullou algún dos aspectos do proxecto como a idea de plantar, fronte ao convento de Santo Domingo unha ringleira de 7 naranxos con zonas estanciais entre eles.
”Incorporaranse, ademais, paradas de taxi próximas á entrada peonil ao estaciomento soterrado e ao arboredo para minimizar o seu impacto sobre a vía, mentres que ao carón dos accesos rodados do parking se instalarán xardíns con céspede e flores”, sinalou.
“Asemade, crearemos unha zona de bordo perimetral combinado con arbustos de máis altura para as zonas interiores e habilitaranse aparcabicis que contribuirán, sen dúbida, a proporcionar unha zona agradable que permita gozar da floración das especies, diminuíndo a pegada visual das árbores de maior porte para dar unha continuidade estética e de apertura cara a propia praza”, indicou Lara Méndez.
A rexedora salientou que a pavimentación destas rúas resolverase mediante unha plataforma única que permita o acceso peonil inclusivo, sen que existan diferenzas de cota ou resaltes que puidesen entorpecer o tránsito.
“En canto á circulación de viandantes e do tráfico rodado, esta distinguirase mediante diferentes acabados de granito e a nova iluminación que se incorpora será con farois de deseño contemporáneo que proporcionan unha iluminación versátil que achega valor ao espazo tanto a nivel arquitectónico como a escala humana”, avanzou Méndez.
Os traballos, que teñen un valor estimado de 3.042.895 euros, deberán acometerse nun prazo de 10 meses.
Lara Méndez recordou que o proceso xa en tramitación completa aos outros dous, licitados en outubro, para executar as obras na Praza do Ferrol e San Fernando, así como as previstas na porta da muralla ‘Bispo Odoario’ e Praza do Ferrol e nas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Ramón y Cajal, Quiroga Ballesteros (tramo comprendido entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) e Amor Meilán (tramo comprendido entre Quiroga Ballesteros e San Fernando) e non quixo perder a oportunidade de destacar, unha vez máis, a “aposta decidida do Executivo para acadar un Lugo máis resiliente ao cambio climático na segunda gran transformación da cidade”.
Neste senso, referiu que un dos obxectivos do Corazón Verde é reducir un 40% as emisión destas zonas derivadas da circulación de vehículos, que ascenden a unha media de 409,71 toneladas de CO2 ao ano provocados polos máis de 37.000 automóbiles que transitan por elas cada semana.
Deste xeito, ademais, o centro histórico se converterá na primeira Zona de Baixas Emisións (ZBE) de Lugo, áreas que pretenden mellorar a calidade do aire e mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro e que os concellos de máis de 50.000 habitantes están obrigadas a activar no 2023 e “cuxas medidas de implantación se están tratando de consensuar con todos os colectivos afectados mediante un proceso de participación cidadá que iniciamos en novembro”, concluíu a alcaldesa.
Para acometer todos estes proxectos, Lara Méndez acadou financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, cos fondo europeos NEXT Generation.