O Concello acada a cesión dos terreos para a supresión do paso a nivel de Recimil

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os propietarios de tres parcelas en Recimil asinaron esta mañá o acordo de cesión dos terreos necesarios para a supresión dun paso a nivel nesta localidade.
cesion terreos paso a nivel recimil
30 Ago 2023

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os propietarios de tres parcelas en Recimil asinaron esta mañá o acordo de cesión dos terreos necesarios para a supresión dun paso a nivel nesta localidade. Deste xeito, o Goberno local asume temporalmente a titularidade das propiedades, que serán postas de inmediato a disposición de Adif para que o organismo estatal poida iniciar os traballos de mellora da seguridade na zona. A firma desta cesión temporal foi a fórmula administrativa elixida para acurtar ao máximo os prazos legais e poder así iniciar a construción dun camiño paralelo á vía que conectará cun paso inferior situado a 300 metros, tal e como se acordou no encontro mantido a tres bandas entre o Concello, os técnicos do Ministerio de Transportes e os representantes veciñais o pasado 21 de agosto.

A rexedora agradeceu a boa predisposición dos propietarios e a colaboración das e dos veciños da parroquia, grazas aos cales o acordo viu a luz no breve prazo dunha semana. “Desde o Goberno local reiteramos o noso compromiso coa veciñanza na procura dunha maior seguridade da vía ferroviaria neste punto do noso municipio. O obxectivo común é lograr canto antes que o paso poida ser suprimido e que ao tempo exista unha alternativa de tránsito que impida o illamento dos habitantes de Recimil e Coeo. Por iso ofrecémonos desde o primeiro intre para facilitar a consecución dunha solución que contará co respaldo veciñal”, sinalou Méndez.

O peche anticipado do paso a nivel 424/010 conlevará a construción por parte de Adif dun camiño provisional paralelo á vía, pola súa marxe dereita, que conectará este paso a nivel cun inferior situado a 300 metros en dirección norte e que conta coa altura necesaria para o tránsito de vehículos de grandes dimensións. Esta solución, acordada entre os representantes veciñais e os técnicos do organismo estatal á pasada semana, requiría poñer a disposición de Adif uns 100 metros lineais de terreo, xestión para a que o Goberno local ofreceu a súa máxima colaboración. Unha vez cumprido este trámite, estímase que a realización deste camiño provisional poida concluír nun prazo aproximado de dous meses, tal e como informaron os propios responsables do xestor ferroviario.

0.20400094985962