O Concello acada a Escoba de Platino na xestión de residuos
A renovación do servizo de recollida de RSU, limpeza viaria e xestión do punto limpo impulsada polo executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Transición Ecolóxica que dirixe Miguel Fernández, foi recoñecida coa Escoba de Platino. A entrega do galardón terá lugar en IFEMA Madrid, dentro do marco de actividades da Feira Internacional TECMA, de urbanismo e medio ambiente. Este premio sitúa a Lugo entre as cidades máis limpas, con mellores prácticas de reciclaxe e mellor xestión de residuos, seguindo así a referentes nacionais como Vitoria-Gasteiz ou San Sebastián.
O recoñecemento, que concede a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos, Aseo Urbano e Medio Ambiente (Ategrus), é a máxima distinción dentro deste prestixioso galardón de ámbito estatal e iberoamericano e distingue a eficacia e o bo traballo na limpeza e recollida de residuos dos municipios, empresas ou entidades, os avances tecnolóxicos e a concienciación social neste terreo. “Para o Concello de Lugo este recoñecemento supón alcanzar o grao de máxima excelencia, despois da Escoba de Prata de 2008 e a de Oro de 2016, e é un estímulo extra para seguir optimizando todos os servizos que axudan a mellorar a calidade de vida dos lucenses e as lucenses”, destaca o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández.
Entre outros aspectos, o xurado de expertos designado por Ategrus (membro nacional da International Solid Waste Association) valorou, para conceder ao Concello de Lugo o recoñecemento dentro da categoría Municipios, Mancomunidades e Deputacións de máis de 50.000 e menos de 100.000 habitantes, o emprego de vehículos e maquinaria medioambientalmente sostibles, o cambio ao sistema de carga lateral nos contedores, a apertura da oficina de atención ao cidadán ou a implantación do servizo de punto limpo móbil.
Resultados que avalan o recoñecemento
Para o concelleiro de Transición Ecolóxica, “máis aló da dimensión que ten este recoñecemento, o verdadeiramente importante son os resultados logrados desde a implantación do novo servizo”. A nivel cualitativo o edil destaca “a mellora na percepción da calidade do servizo por parte dos veciños e veciñas, que se incrementou en 18 puntos na última enquisa da OCU”. No estudo que a organización de consumidores efectuou sobre o estado da limpeza de 69 cidades españolas, Lugo ascendeu ao posto 25 grazas a estes resultados.
A nivel cuantitativo a cifras avalan a implantación das novas medidas que buscan aumentar o ciclo vital dos residuos. No ano 2023 recolléronse 1.266 toneladas menos que en 2022 dentro da fracción resto, mentres que as cifras aumentaron un 18% no caso da bolsa amarela e un 39% no papel e cartón. Neste caso o edil subliña “o crecente compromiso ambiental da poboación que, sumado á instalación da nova infraestrutura, afianza o modelo de concello sustentable no que traballamos desde o goberno local”. Outros dos aspectos destacados por ATEGRUS, como son a implantación da recollida de téxtil e aceite vexetal, tiveron como resultado a recepción de 184 toneladas de téxtil e 19 de aceite vexetal.
Implantación dos contedores marróns
Neste sentido, o executivo de Paula Alvarellos segue impulsando medidas para reducir o consumo de recursos e reintegrar residuos dentro da cadea produtiva. O último exemplo é a implantación dos contedores marróns cuxa primeira fase, na que se instalarán 100 contedores na zona sur da cidade e 4 compostadores colectivos en espazos estratéxicos de toda a zona urbana, foi presentada por Miguel Fernández a semana pasada.