O Concello accede á parcela do Garañón para iniciar os traballos de demolición
O Concello de Lugo accedeu esta mañá á parcela que ocupa o Garañón para asinar a acta de replanteo dos traballos de demolición, iniciándose, así, o prazo de 120 días que a empresa adxudicataria - Xestión Ambiental de Contratas – terá para levar a cabo a derruba do inmoble.
A alcaldesa, Lara Méndez e o edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, formalizaban, xunto ao persoal municipal, este trámite “co que se entende, comeza a verdadeira conta atrás para a desaparición definitiva da construción”.
“Unha mole de formigón icona dun urbanismo xa desfasado e que este Goberno local non comparte por ser contrario a todos cantos valores levo promovendo dende hai 8 anos: unha cidade sostible, pensada para as persoas e na que os espazos verdes, en plena contorna urbana, gañen protagonismo, incrementando así os lugares de lecer e esparexemento dos que pode dispoñer a cidadanía e cos que, estamos seguros, mellorará a convivencia e, sobre todo, a calidade de vida das e dos lucenses", afirmou a rexedora.
Méndez amosou a súa satisfacción por “poder seguir avanzando co firmeza na determinación adoptada, xa durante o pasado mandato, de que estes terreos sexan un pulmón verde para a capital”.
“Atopámonos, pois, máis próximos a dar cumprimento á demanda social de que tanto as Costas do Parque como o propio parque de Rosalía de Castro teñan continuidade neste enclave, ampliando o cinto natural de Lugo o que contribuirá a integrar o río Miño na cidade, sendo coherentes co modelo sostible que levo impulsando dende o 2015 e co que apostamos pola recuperación, a renaturalización e a creación de novos espazos para o esparexemento e lecer da cidadanía”, sostivo a alcaldesa.
A mandataria lucense referiu que o primeiro paso será a realización dunha serie de labores previos, entre os que figura un levantamento topográfico que permitirá á empresa organizar e planificar as tarefas, sempre en condicións de seguridade para o ámbito no que se está actuando. Tamén indicou que, durante a execución das obras, o Concello exercerá un seguimento das mesmas cunha periodicidade mínima de 15 días, coa intención de controlar os progresos e verificar diferentes aspectos.
Igualmente, Lara Méndez puxo en valor o traballo feito por parte dos diferentes departamentos que compoñen a área de Sostibilidade Urbana e subliñou a rigorosidade de todos e cada un dos pasos dados durante o proceso.
“A xudicialización das causas enlentece ou condiciona a velocidade á que nos gustaría que se levara a cabo a tramitación da parte administrativa pero podo dicir que a seguridade xurídica coa que se abordou o procedemento avala cada un dos pasos dados polo Concello, e esa é a mellor das garantías que ten a demolición do Garañón, alén do simbolismo que ten a propia acción e o seu resultado”, sinalou a rexedora.
Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e concelleiro responsable de área, Álvaro Santos, declarou que “dende un punto de vista estritamente legal esta sinatura colmata nunha actuación real sobre a edificación que, precisamente por respecto a esa legalidade temos que demoler, porque non cabe aquí unha edificación e o demais son controversias. Tamén é certo que, para chegar a este punto foi necesaria a determinación política, a determinación para incoar un expediente que foi moi laborioso e prolífico administrativamente, que contou coa obstaculización en todo o posible de moitas partes para que non se puidese levar a cabo pero, precisamente, esa legalidade, o rigor e a determinación, é o que hoxe nos permite asinar o último documento administrativo para que xa poidan comezar os labores de reposición deste espazo”.
Santos Ramos deu conta, asemade, dos detalles máis técnicos dos traballos cos que – indicou – se demolerán 37.796’49 metros cúbicos que equivalen a 14.868 metros cadrados de superficies construídas.
“O primeiro será instalar un valado de protección ao redor da parcela e realizar o levantamento topográfico para, a continuación, iniciar os labores coa anulación das acometidas e a eliminación do illamento dos teitos de forxados do bloque nordeste, que ten nove plantas sobre rasante”.
“Logo eliminaranse as fábricas de ladrillo das fachadas á vez que se quita o illamento da torre nordeste e se eliminará o material que illa as fachadas e os teitos de forxados do bloque noroeste (de dez plantas sobre a rasante da cota máis baixa) para, seguidamente, ir eliminando os pórticos en sentido descendente, de forma progesiva”, abondou o edil.
Finalmente, a última parte será a de retirada e desentullo de todo o material. A propia parcela se empregará para a provisión dos elementos demolidos.
Álvaro Santos relatou, así mesmo, que cando remate a derruba o fondo da escavación se cubrirá cunha lámina xeotextil, de maneira que non se poida filtrar ao chan ningún axente contaminante.“Todos os materiais da demolición que non sexan prexudiciais para o medio ambiente se aproveitarán para encher a zona, e deixarase a parcela coas cotas que tiñan no seu día. Farase provisión de terra vexetal, instalarase un sistema de rega por aspersión e estenderase un tepe de céspede natural precultivado de xeito que, nuns meses, toda a parcela recuperará o seu estado orixinal. Un obxectivo polo que levamos moitos anos traballando dende a responsabilidade”, concluíu o titular de Sostibilidade Urbana.