O Concello activa a contratación para completar a peonalización de Recatelo

LugoXa
Levará a Xunta de Goberno a renovación do Carril dos Loureiros
reunion-vecinos-carril-dos-loureiros-bng
Reunión dos veciños co BNG
16 Xul 2024

O tenente alcalde e concelleiro responsábel de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo aprobará este mércores iniciar o procedemento de contratación da renovación integral do Carril dos Loureiros, un proxecto que a Tenencia de Alcaldía executará co obxectivo de "avanzar na mellora do barrio de Recatelo despois de peonalizar practicamente todas as súas rúas", explicou Rubén Arroxo. O Tenente Alcalde lembrou que desde a área de Mobilidade e Infraestruturas se mantiveron distintas xuntanzas con veciñas e veciños da zona "para contar co consenso da veciñanza á hora de elaborar o proxecto, atendendo ás necesidades da xente que reside na zona para crear un novo espazo útil".

O proxecto elaborado pola área de Mobilidade contempla a conversión desta rúa nunha plataforma única de preferencia peonil, mantendo o acceso a vehículos a baixa velocidade para residentes e carga e descarga. A renovación da rúa inclúe tamén a renovación dos servizos soterrados, como o abastecemento ou o saneamento, e a creación de novas zonas verdes para, segundo explicou Rubén Arroxo, "facilitar que haxa zonas de sombra ao longo da rúa que permitan desfrutar da zona de paseo en xornadas de calor". Ademais, o Goberno de Lugo avanzará na instalación de alumeado LED, "garantindo un alumeado de baixo consumo e uniforme en toda a rúa", explicou o Tenente Alcalde.

A área de Mobilidade aprobará mañá o procedemento de contratación para esta obra, con previsión de iniciar os traballos despois das festas do San Froilán, "reducindo así as molestias á veciñanza nas datas de maior afluencia en Recatelo", afirmou Arroxo, que engadiu "con esta actuación, Recatelo consolídase como unha importante zona de paseo entre o centro e o Parque de Rosalía, ao mesmo tempo que melloramos os servizos e a calidade de vida da veciñanza".

A Xunta de Goberno de Lugo aprobará mañá tamén a apertura do procedemento de contratación da produción dos distintos escenarios do San Froilán. "Seguimos avanzando na gran festa do outono galego, que volverá encher as rúas de Lugo de cultura entre o 4 e o 12 de outubro".

0.16984009742737