O Concello adxudica obras de reparación no Auditorio de Magoi

LugoXa
O Concello de Lugo adxudicará mañá mércores o contrato para reparar as patoloxías estruturais exteriores e tamén interiores do novo Auditorio
auditorio lugo 2
29 Nov 2022

O Concello de Lugo adxudicará mañá mércores o contrato para reparar as patoloxías estruturais exteriores e tamén interiores do novo Auditorio, derivadas tanto das deficiencias construtivas como da falta de mantemento, por parte da Xunta de Galicia, desde que finalizou a execución do inmoble, en 2016, e ata que foi entregado á Administración local.

O Goberno de Lara Méndez outorgará a Montajes Metálicos Ingalux a realización das obras - que deberán estar rematadas nun prazo de 4 meses - por un importe de 287.955 euros.

Unha cantidade que a Administración local reclamará posteriormente á Xunta como responsable inicial do deterioro da edificación, unha circunstancia que está a impedir a súa apertura en condicións de seguridade para a cidadanía.

A este respecto, o Executivo local, lembrou que xa durante o acto de recepción, o Concello intentou entregar ao ente autonómico os informes dos técnicos municipais onde xa daban conta dalgúns dos fallos advertidos nas dúas únicas visitas que lles deixaron realizar previamente e sen que, en ningunha desas ocasións, puidesen probar o funcionamento dos equipamentos. Documentos que non quixo recibir pero que se lle fixeron chegar igualmente facéndoos coñecedores da situación.

Porén, unha vez recepcionada a dotación, o deterioro que se atopou foi superior ao agardado debido a que a Xunta non realizara nin as correspondentes probas nin tampouco ningún outro labor de conservación do inmoble e todas as garantías para poder arranxalas estaban caducas.

O Concello iniciou entonces un proceso de avaliación das condicións nas que se atopaba a infraestrutura co fin de que a súa apertura non supuxera ningún risco para as persoas usuarias e traballadoras, ao tempo que puxo a punto as instalacións eléctricas, de climatización, ascensores, sistemas de seguridade contra incendios, intrusión ou ventilación.

Logo dos estudos realizados, nos que se cuantificaron máis de 200 danos, determinouse a necesidade de subsanar todas estas eivas para evitar, que nun futuro, as lesións das que adoecía incrementaran a envergadura das reparacións. O contrato que se adxudicará esta semana permitirá amañar os múltiples danos ocasionados pola humidade que están a afectar ás cubertas, fachadas, estruturas, carpintería, revestimentos interiores e pavimentos, etc.

As actuacións comprenden a impermeabilización dos respiradorios e o desatasco dos sumidoiros, canlóns e baixantes. Así mesmo, se atallará a corrosión derivada das eivas que presentan as xuntas de dilatación e se arranxarán as comportas de saídas de fumes que provocan goteiras nos escenarios, entre outras intervencións.

Mentres, o Concello deixará para unha segunda fase os traballos correspondentes á urbanización exterior do Auditorio, dentro dos que se inclúen máis aló do axardinamento da parcela – que xa estaba previsto – a modificación dos accesos para mellorar a accesibilidade ao inmoble enriquecendo os espazos con áreas estanciais dun alto valor paisaxístico que, alén de apoiar a funcionalidade cultural das instalacións, permitan o seu aproveitamento para concertos ou festivais ao aire libre.

Por outra banda a Xunta de Galicia manifestouse e "insta ao Concello de Lugo a responsabilizarse do estado do auditorio de Magoi, que recibiron en perfectas condicións no ano 2020 e abandonaron durante máis de dous anos permitindo o seu deterioro".

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembra que "a Consellería de Medio Ambiente realizou labores de mantemento, unha vez rematado o edificio e o equipamento, mentres o Concello dilataba a súa recepción durante anos". Explica que "resulta sorprendente, que agora afirmen que recibiron a obra sen realizar as comprobacións correspondentes”.

auditorio de lugo1
0.20763397216797