O Concello adxudica os traballos do novo estacionamento na contorna do HULA

LugoXa
O Concello adxudica os traballos para habilitar 340 novas prazas de estacionamento gratuíto na contorna do HULA
27 Apr 2023

A Xunta de Goberno outorgou o contrato para acondicionar con esa finalidade un total de 11.510 m² de terreo situados en dúas parcelas ao carón do centro sanitario.

O Concello de Lugo vén de adxudicar o contrato que permitirá habilitar 340 novas prazas de estacionamento gratuítas na contorna do Hula.

A Xunta de Goberno Local outorgou os traballos á empresa Excavaciones J.Carreira que agora disporá de 4 meses para construír un novo a parcadoiro nas inmediacións do centro sanitario.

O recinto ocupará dúas parcelas que no seu conxunto suman 11.510 m² con capacidade para máis de 300 vehículos.

“Sempre baixo a premisa de maximizar o seu rendemento, dunha forma práctica e cómoda para as persoas usuarias, a intervención procurará, na medida do posible, atender as necesidades que nos comunica a cidadanía e que, neste caso, queren paliar o elevado custo que segue a ter o parking soterrado do Hospital e que obriga a profesionais sanitarios e pacientes a buscar alternativas na vía pública”, apuntou Lara Méndez.

A alcaldesa lucense referiu que os labores de acondicionamento suporán un investimento municipal de 156.902 € e, trala intervención, a nova área de estacionamento contará con dous accesos.

“Se procurará unha entrada ao recinto polo extremo Norte, a partir da vía asfaltada, colocando filas dobres de aparcamento en batería paralelas á rúa Doutor Ulises Romero, no caso do predio da dereita; mentres que no da esquerda optouse por distribuír as prazas de forma paralela ao camiño de acceso, conseguindo con esta organización 340 prazas de 5x2’50 metros”, indicou a rexedora.

Méndez lembrou que, actualmente, nas inmediacións do centro sanitario hai xa máis de medio milleiro de aparcamentos de balde “logo de que repintásemos as marcas viarias que circundan o HULA, para gañar 150 espazos, aos que cómpre sumar as 363 prazas que se habilitaron no parking creado xusto diante das instalacións”.

0.16629600524902