O Concello adxudicará este xoves a construción do primeiro Ecoparque en Campo Castelo

LugoXa
O Concello de Lugo adxudicará este xoves en xunta de goberno local a construción do primeiro Ecoparque urbano en Campo Castelo
Campo castelo ecoparque
16 Maio 2023

A Xunta de Goberno Local outorgará esta semana a obra a Calfensa, por un importe de 312.748 euros e un prazo de execución de 5 meses.

O Concello de Lugo adxudicará esta semana a construción do primeiro Ecoparque Urbano no Campo Castelo co que a alcaldesa, Lara Méndez, quere propiciar a remodelación integral desta céntrica área de xogos.

A Xunta de Goberno Local outorgará este xoves a obra a Calfensa, por un importe de 312.748 euros e un prazo de execución de 5 meses.

A intervención ten por obxectivo crear un novo espazo de lecer aberto e integrador que favoreza a convivencia en harmonía coa contorna na que se atopa, mediante unha solución arquitectónica que adaptará o espazo para o goce das familias e do conxunto da cidadanía, rompendo co concepto de parque pechado que existe agora.

A propia rexedora lembrou que, precisamente, o proxecto defínese baixo o nome de Ecoparque urbano pola composición dos elementos que acollerá pero, sobre todo, “porque permitirá unha transición serena da renovada dotación pública cara a Praza Maior e o Concello, respectando os condicionantes da súa localización e mellorando a estética da zona PEPRI”.

Méndez recordou que que a identidade propia que terá este novo parque, que se amplía en máis 70 m², servirá, igualmente, para incrementar a súa funcionalidade dende un punto de vista inclusivo.

“Combinará o eco – deseño do que sería puramente unha instalación infantil con outros recursos urbanos, de esparexemento, visuais e paisaxísticos que axudarán a resolver os límites espaciais do recinto coma se estes foran unha extensión cara a Casa Consistorial e a Praza Maior”, incidiu.

Nestes sentido, as escaleiras serán substituídas por ramplas, e os cerramentos, tanto deste parque como do recinto infantil próximo, serán moito menos invasivos adoptando unha configuración de murete revestido simulando madeira, que exercerá de banco para favorecer a socialización.

A mandataria lucense fixo fincapé en que a accesibilidade e a sostibilidade serán as dúas premisas transversais da actuación, xa que todo o mobiliario procede da reciclaxe de plásticos e terá certificado de baixa pegada de carbono, cumprindo así os obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030.

“Todos os xogos e mobiliario do Parque Infantil de Campo Castelo contará cos selos ‘Made Green’: produtos feitos a base de materiais reciclados post-consumo (como residuos recuperados do océano, téxtiles usados, envases alimentarios, etc.) que supoñen unha redución de aproximadamente o 50 % das emisións de carbono en comparación con produtos tradicionais elaborados a partir de fontes virxes. E tamén do selo ‘Born Green’, que obteñen aqueles produtos feitos do propio material de construción da natureza como a madeira, procedente de silvicultura sostible e, por tanto, pouco contaminantes”, aclarou.

Igualmente, todo o parque disporá dun pavimento de caucho continuo, con revestimento decorativo, respectuoso co medio ambiente e con propiedades antiescorregadizas e outras caranterísticas técnicas que garanten unha longa durabilidade e boa resposta ao uso á intemperie.

En canto ao mobiliario urbano, o parque contará con papeleiras elaboradas con residuos que de forma cotiá se desbotan, precisamente, ao lixo. Ademais, recolocaranse as arquetas existentes e se incrementará a iluminación para aumentar a súa versatilidade no inverno, substituíndo os dous farois por outros tres de maior eficiencia enerxética, en consonancia co resto de actuacións que o Executivo de Lara Méndez está levando a cabo nos diferentes barrios da cidade en prol da súa humanización.

0.20270013809204