O Concello apoia as actividades do 20 aniversario do Conservatorio de Danza
O auditorio Gustavo Freire acollerá un concurso coreográfico a con mostras da obra de Doris Humphrey e José Limón e un encontro de centros de danza.
O tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciaron a colaboración do Concello de Lugo coas actividades do 20º aniversario do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. "Renovamos o noso apoio co conservatorio de danza de Lugo para continuar a difundir a danza e as súas distintas formas, aproveitando a celebración do 20 aniversario e a programación especial organizada con motivo desta celebración", explicou Maite Ferreiro.
O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá dúas mostras organizadas en colaboración co Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. O 30 de abril, a partir das 20:00, terá lugar un concurso coreográfico que amosará traballos de Doris Humphrey e José Limón, dous dos principais nomes da danza no Século XX. O 1 de maio terá lugar, a partir das 18:30, un encontro de centros de danza que amosará o traballo dos distintos centros galegos participantes.
As entradas a ambos eventos poden retirarse de maneira gratuíta a través do portal entradaslugo.es.
Ferreiro afirmou que con esta iniciativa a Tenencia de Alcaldía continúa a apoiar á danza "aumentando a nosa aposta, despois de contar cunha programación estable de danza ao longo de todo o ano".