O Concello avanza nos traballos de renovación da traída de augas no Grupo La Paz
A urbanización do Grupo La Paz contará proximamente cunha traída de augas totalmente renovada.
Os traballos abranguen a substitución de 187 acometidas, 62 delas pluviais, concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas rúas Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o responsable da área de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, visitaron in situ a obra para coñecer o avance dos labores, que se centrarán na substitución das tubaxes actuais por outras de función dúctil ao tempo que tamén se levará a cabo a renovación dos colectores de saneamento que verten á rúa Armórica e á Rolda de Fingoi xa que, pola súa antigüidade e polos materiais cos que foron construídos (formigón), presentan deficiencias no seu funcionamento.
A rexedora destacou que o principal obxectivo da intervención “é poñer fin ás avarías que teñen a súa orixe no feito de que as conducións sexan de fibrocemento, xa que esta substancia é moito máis sensible aos contrastes climatolóxicos e presenta, á súa vez, unha maior predisposición ás roturas e menor tolerancia ás variacións de fluxo da traída. Polo que, con ela queremos eliminar esta casuística e rematar, alén, cos trastornos que lle ocasiona á cidadanía”, sinalou Lara Méndez.
Pola súa banda, Miguel Fernández recordou que as tarefas, que teñen un prazo de execución de medio ano, supoñen un investimento municipal de 603.880 euros que se suma ao millón de euros que o Goberno de Lara Méndez leva destinado nos últimos anos á eliminación do fibrocemento nas canalizacións de distintos puntos da capital.