O Concello busca rehabilitar o Cuartel de San Fernando cunha liña de financiamento do Ministerio de Turimo e coa axuda da Xunta

LugoXa
O Concello busca rehabilitar o Cuartel de San Fernando cunha liña de financiamento do Ministerio de Turimo e coa axuda da Xunta
Visita da secretaria de Estado de Turismo a Lugo (
9 Feb 2023

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou durante un encontro mantido coa secretario de Estado de Turismo, Rosa Ana Morillo Rodríguez que  buscará o apoio da Xunta para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando como Museo da Romanización, a través da nova liña de axudas que impulsará o Ministerio de Turismo. Así, a rexedora anunciou, que o Concello concorrerá a esta nova liña de financiamento para a rehabilitación de edificios declarados BIC (Ben de Interese Cultural), co obxectivo de acondicionar o antigo cuartel de San Fernando como epicentro da cultura romana do Noroeste Peninsular.

“A creación desta dotación é un obxectivo irrenunciable deste goberno e da sociedade lucense, un obxectivo no que levamos traballando de forma continuada dende o pasado mandato, logo de que a Xunta e, nomeadamente, o seu presidente Núñez Feijóo paralizase o proxecto no 2013”, lembrou a rexedora.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que o novo responsable do executivo autonómico, Alfonso Rueda, porén, “mostrou a súa vontade de colaborar para desbloquear esta iniciativa, na primeira reunión que mantivemos, comprometéndose a cofinanciar as obras, por iso, trasladarémoslle a posibilidade de que a Xunta poida sumarse e aportar a financiación restante, unha vez coñezamos a resolución destas axudas”.

Cómpre subliñar, así mesmo, que a rexedora xa acadou o compromiso do Ministerio de Cultura, dirixido por Miquel Iceta e con cuxos responsables se reuniu, para impulsar o plan director e o plan museográfico do Cuartel, que complementen a rehabilitación, xa que entenderon perfectamente que é un proxecto de cidade.

Durante a reunión que mantiveron na Casa Consistorial, Lara Méndez e Rosana Morillo, abordaron a declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional. O Concello aprobou no Pleno de novembro a solicitude deste distintivo, tras concorrer xa cinco anos da súa declaración como Festa de Interese Nacional, e remitiuna ao departamento de Industria, Comercio e Turismo. Neste senso, Morillo informou que “xa houbo avances na tramitación e en breves se realizará a resolución por parte do Ministerio”.

Por outra banda, a rexedora lucense presentoulle o Plan de Turismo Sostible baseado na enogastronomía, para o que o Concello acadou unha axuda de 2 millóns de euros dos fondos Next Generation. Baixo o lema "...Et edendo, Lucus: Un recorrido histórico pola enogastronomía" o obxectivo deste plan é converter a Lugo nun referente gastronómico e cultural atendendo ao forte compoñente histórico da cidade mediante a transformación do sector e a xeración de produtos e experiencias turísticas innovadoras.

Entre as accións deste plan destaca a recuperación, con criterios de máxima eficiencia enerxética, na ribeira do Miño da Fábrica da Luz para a creación dun centro de enogastronomía. Neste senso, propoñeranse distintas actividades encamiñadas á colaboración público-privada e a integración de produtores de quilómetro 0.

No encontro que tivo lugar no Concello tamén participaron a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira; o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, e a subdelegada, Isabel Rodríguez.

0.16754698753357