O Concello busca terreos para instalar as torres para a cobertura móbil no rural
O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural que dirixe Miguel Fernández, avanza na procura de terreos que permitan a instalación das torres necesarias para mellorar a cobertura móbil nas parroquias de Lugo.
Un labor que comezou xa no mandato pasado e que nos últimos meses abrangueu tamén a colaboración con Amtega, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, na localización das parcelas máis axeitadas, e ao que se suman as tarefas de intermediación coa veciñanza que reside nos núcleos para propiciar a cesión dos predios que o propio ente autonómico considerou como máis axeitados ou idóneos para ubicar os equipamentos.
Así, o tenente de alcaldesa informou de que a concellería de Impulso Rural mantivo xa conversas coa veciñanza de Santa María Alta, onde a superficie seleccionada pola Amtega se corresponde cun monte en man común. “Nestes momentos o proceso está en fase de negociación para posibilitar que os titulares destas terras cedan a súa utilización para poder mellorar as conexións telefónicas de toda a zona”, ao tempo que enumerou, entre outras, as parroquias de Gondar e Piñeiro nas que a súa área continúa traballando para facilitar a posta a disposición de parcelas que se adapten ao requirimentos da Axencia galega”, engadiu Fernández.
O titular da área lembrou, así mesmo, que o Concello de Lugo presentou un completo informe na Dirección Xeral de Telecomunicacións no que se recollían as necesidades dos diferentes núcleos do rural en canto á mellora de telefonía e conexión a Internet. “O obxectivo era sinalar os puntos nos que as administracións competentes deben actuar con maior inmediatez para garantir a igualdade de oportunidades e dereitos en todo o municipio en canto á dixitalización do territorio, un cometido que seguimos a desenvolver, brindando a máxima cooperación posible e vixiantes de que os compromisos anunciados se cumpran”, concluíu o tenente de alcaldesa.