O Concello cede os terreos para poñer en valor os restos arqueolóxicos do Cubo VI da Muralla
O Concello de Lugo cederá os terreos para impulsar a posta en valor dos restos arqueolóxicos que apareceron ao pé da Muralla cando se restaurou o cubo VI.
Trátase - segundo recollen os informes do servizo municipal de Arqueoloxía - dun muro paralelo ao lenzo que formaba parte dunha estrutura edificatoria correspondente a unha balsa rectangular dunha curtiduría existente na zona da época medieval e tamén dunha galería que cruza perpendicularmente a construción romana que, polo interese do espazo singular ao que pertencen e pola súa relación co monumento, merecen ser recuperados.
Para abordar esta actuación, o equipode Goberno aprobou hoxe a realización dun convenio coa Consellería de Cultura co fin de que recolla os termos da colaboración entrámbolos dous organismos públicos.
Deste xeito, o Executivo de Lara Méndez, porá a disposición da Xunta de Galicia unha parcela, situada entre o Carril das Estantigas e a rolda interior, para que poida acometer os traballos entre os que se inclúe a realización de sondaxes e tarefas de control arqueolóxico, tanto cara o interior como o exterior da Muralla, así como a recolleita de toda a información posible sobre as estruturas exhumadas no ano 2016 e que permitan completar os datos que axuden a interpretar os restos existentes.
“A intervención suporá o recoñecemento de achados dun valor sobranceiro que contribúen a incrementar a riqueza patrimonial que posúe a cidade, ligados á nosa historia, á nosa cultura e, polo tanto, á nosa identidade o que demostra a transcendencia de darlle prioridade á restauración, coidado e mantemento dos Bens locais”, sinalou a alcaldesa.
A rexedora lucense aproveitou para explicar que, segundo o protocolo autorizado esta mañá, o Concello, alén de facilitar a plena e libre dispoñibilidade dos terreos necesarios para dar paso e que a Consellería de Cultura poida executar as obras, será o responsable de aprobar o documento técnico das accións así como de conservar e xestionar o acceso aos restos.
“A proposta que manexamos para poder visualizar o túnel e a balsa ou piscina dende o exterior será coa instalación de dous pequenos miradoiros abertos, situados na zona verde próxima ao parque canino, que estarán delimitados cunha varanda de aceiro e disporán dun panel informativo, mentres que as visitas ao interior se levarán a cabo cun acceso limitado e restrinxido que se xestionará dende o Servizo de Arqueoloxía”, indicou Lara Méndez.
O documento, que se asinará proximamente e estará en vigor ata a finalización dos traballos, recolle, así mesmo, a creación dunha Comisión paritaria na que cada administración contará con dous representantes para poder realizar un seguimento das actuacións desenvolvidas.