O Concello celebra o martes o Día da Muller e da Nena na Ciencia cun espectáculo

LugoXa
Será no MIHL, aberto a nenos e nenas de 5 a 11 anos
Cartel-Inventoras-de-mentes-curiosas
9 Feb 2025

Co obxectivo de dar visibilidade ao papel fundamental da muller na comunidade científica e inculcar novas vocacións entre as rapazas, o Concello conmemorará o Día da Muller e da Nena na Ciencia cun espectáculo multidisciplinar no MIHL, o mesmo día 11 de febreiro, xornada na que se celebra esta efeméride.

O Goberno local, a través da Concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Ángeles Novo, deseñou unha actividade que mestura diferentes disciplinas artísticas, con aspectos lúdicos e educativos, ademais de retos e desafíos que promoverán a participación da cativada. Segundo explica Novo “con esta actividade pretendemos non só divulgar o importante papel que xogaron e xogan moitas mulleres na ciencia, senón tamén impulsar novas vocacións científicas entre as nenas de Lugo, como unha forma de educar na igualdade, tamén para un ámbito que aínda está moi masculinizado”.

O espectáculo Inventoras con mentes curiosas terá lugar o día 11 no MIHL, ás 17.30 horas, aberto ao público ata completar aforo, aínda que a actividade está dirixida a nenas e nenos de entre 5 e 11 anos de idade. “Con esta representación ponse en valor ás mulleres que foron pioneiras na ciencia e na tecnoloxía, a través do fomento da investigación entre o público asistente, aos que se invitará a participar, resolvendo retos aplicando a creatividade e a audacia, sempre co principal obxectivo de educar na igualdade”, sinala Ángeles Novo. Dependendo da participación das e dos rapaces asistentes, a representación durará entre 40 e 50 minutos, nun espectáculo que inclúe monicreques, hologramas e teatro interactivo no que o público forma parte da propia función.

A temática da actividade é en definitiva unha homenaxe ao papel crucial da muller no avance científico, descubrindo aos asistentes historias de mulleres brillantes que gracias ao seu enxeño e perseveranza, deixaron unha fonda pegada na nosa historia.

Por iso, entre outros temas a tratar no desenvolvemento do espectáculo falarase dalgúns inventos que melloraron a sociedade e lembraranse figuras inspiradoras como Hipatía de Alexandría, a primeira inventora coñecida da historia, ou Ada Lovelace, considerada a nai da programación informática.

0.17361211776733