O Concello comeza a renovación da rúa Ferradura, en Lugo
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que nos vindeiros días comezará a renovación da rúa Ferradura, nas Gándaras. Penas explicou que “no 2021 renovamos o asfaltado de 15 rúas do barrio e durante este ano continuamos a traballar no barrio, para completar a renovación das infraestruturas públicas da zona”.
A solución adoptada consiste na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. Unha vez realizados estes traballos, renovarase a sinalización horizontal da zona. Esta intervención supón un investimento de 38.096,68€, para o asfaltado conxunto destas tres rúas, xunto co Camiño das Regas e a Pista da Fervedoira.
Durante o ano pasado, o Goberno de Lugo realizou unha importante intervención nas Gándaras, renovando o asfalto das rúas Vagalume, Bolboreta, Paporrubio, Galo, Gaivota, Toledo, Areas, Rola, Camiño de Gustavo e Pombo, ademais dos ramais de acceso da rúa da Rola á Avenida Adolfo Suárez, Bolboreta a Monte Pía Páxaro e Adolfo Suarez á Urbanización Castro Gil.
"Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas periurbanas, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas”, afirmou o edil de infraestruturas, que engadiu “con esta intervención completamos os traballos iniciados o ano pasado, rematando a renovación integral da zona das Gándaras”.