O Concello comezará coas melloras en viais de Pías, Piugos e Tirimol

LugoXa
O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sostén que se da así resposta ás peticións da veciñanza e mellórase a mobilidade e a seguridade.
aglomerado obras estradas 2
29 Xuño 2021

O Goberno de Lara Méndez acondicionará o firme de catro estradas municipais en Pías, Piugos e Tirimol para mellorar a seguridade viaria e dar resposta así ás peticións que realizou a a veciñanza destas parroquias. Así o avanzou o tenente de alcaldesa e edil de Medio Rural, Miguel Fernández.

As obras, que contan cun orzamento de 72.794,49 euros, achegados a través das baixas obtidas nas licitacións das actuacións realizadas co cargo ao Plan Único do ano 2020, consisten na reposición do firme con aglomerado en quente, a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas e a adaptación dos rexistros existentes á nova rasante do camiño.

“Estes camiños non se atopan nunha situación idónea debido á súa antigüidade, ao uso e ás inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo, polo que urxe proceder á súa rehabilitación” explicaba o edil.

A mellora do firme con aglomerado en quente en Pías inclúe dúas estradas municipais que parten da intersección da Estrada Provincial  LU-P-3907 e discorren polos núcleos de Fafián e O Corral de Abaixo, actualmente pavimentadas con firme flexible formado por rego asfáltico.

O Concello, ademais, realizará labores de mellora con aglomerado en quente en outras dúas estradas municipais que discorren polo núcleo de Seivane, en Tirimol, e polo núcleo de As Tabernas, en Piugos.

“Estas actuacións, moi necesarias, beneficiarán principalmente aos veciños e veciñas que utilizan as vías municipais a diario para efectuar os seus desprazamentos”, destacou Miguel Fernández. O prazo de execución das obras é dun mes.

0.14460492134094