O Concello contratará unha nova plataforma tecnolóxica para modernizar a xestión municipal

O Concello de Lugo di que contratará unha nova plataforma de xestión integral que permitirá modernizar e actualizar diferentes aplicacións informáticas municipais, ao tempo que prevé xerar un aforro económico para as arcas públicas.
A futura plataforma terá dúas finalidades principais. Por unha banda, pretende mellorar a relación e a comunicación entre a cidadanía e a Administración local, simplificando os trámites administrativos e facilitando que as xestións poidan realizarse a través de medios dixitais. Pola outra, permitirá integrar nun único sistema distintas ferramentas municipais de xestión, entre elas as relacionadas coa tramitación de expedientes, a xestión tributaria, a contabilidade ou a sede electrónica, ademais de unificar as bases de datos existentes.
Esta integración permitirá que os diferentes departamentos municipais dispoñan dunha visión global e compartida dos procedementos nos que participan os cidadáns e cidadás. Deste xeito, preténdese evitar duplicidades, mellorar a coordinación interna entre servizos e incrementar a eficiencia na xestión administrativa.
No marco deste proceso, durante os meses de xaneiro e febreiro leváronse a cabo consultas preliminares con técnicos de cinco compañías do sector tecnolóxico que previamente mostraran interese en presentar o funcionamento e as capacidades das súas aplicacións informáticas, adaptadas ás necesidades do proxecto municipal. As empresas participantes foron GTT, GADD, T-Systems, Espublico e Spai Innova.
Este proceso de análise permitirá agora concretar con maior precisión as necesidades tecnolóxicas do Concello e servirá de base para a próxima licitación do contrato. Con esta iniciativa, o Goberno local busca dar un salto cualitativo na relación entre a administración municipal e a cidadanía, reforzando a transparencia e simplificando a tramitación dos procedementos administrativos nos que os veciños e veciñas sexan parte interesada.