O Concello cree que a Xunta nunca tivo intención de permitir a instalación da zona de baño pública ante a súa nova negativa

LugoXa
O Concello de Lugo lamentou o posicionamento inmobilista da Xunta de Galicia ao respecto da instalación da zona de baño pública no Miño
Simulacion da Plataforma de Bano Publica I
14 sep 2022

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta ratifica o informe desfavorable ás piscinas fluviais no río Miño en Lugo porque se confirma a abundante presenza de especies de mexillóns protexidas e o alto valor ecolóxico da zona. O Servizo de Patrimonio Natural de Lugo recibiu o pasado día 1 de setembro a documentación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil coas alegacións e a nova documentación presentadas polo Concello de Lugo. Nela, o concello confirma que as instalacións situaríanse sobre colonias de mexillón de entre 3060 e 3780 exemplares.

En todo caso, o Servizo de Patrimonio Natural apunta que o número exacto de mexillóns non é a cuestión principal, senón o feito de que esa área constitúe un hábitat idóneo que aloxa unha colonia abundante de dúas especies protexidas de bivalvos fluviais que se poñen en risco, afectando ademais durante o período reprodutor destas especies. En relación á posible translocación dos mexillóns, sería precisa unha xustificación documental da imposibilidade de cambiar o proxecto das piscinas fluviais ou o seu emprazamento. Tamén tería que estar xustificada a viabilidade dos traballos que se pretendan realizar cos exemplares. Sen esquecer que tales traballos de mostraxe e translocación serían de obrigada reiteración todos os anos, dado que as piscinas están concibidas como unha instalación temporal nos meses de verán durante os vindeiros 25 anos.

Ante este novo comunicado o Concello de Lugo lamentou o posicionamento inmobilista da Xunta de Galicia ao respecto da instalación da zona de baño pública no Miño, a pesar dos múltiples informes técnicos presentados pola Administración local que avalan a súa viabilidade conforme ás esixencias nas que lle foron outorgados os permisos para a súa colocación durante 25 anos.

O tenente de alcaldesa e portavoz municipal, Miguel Fernández, fixo fincapé en que con esta decisión “a Xunta non só ignora, senón que, dunha maneira rotunda, lle dá as costas ás demandas da cidadanía lucense, o que demostra aquilo que vimos denunciando dende hai tempo: que para a Xunta de Galicia, Lugo non é máis que un refén político ao servizo doutro tipo de intereses que non son os xerais”. O tamén concelleiro de Medio Ambiente puxo de manifesto as continuas contradicións nas que recae o Executivo autonómico para descartar agora unha ubicación á que xa lle dera a súa conformidade en 2019.

“O primeiro foi verter unha serie de desconfianzas sobre a capacidade de resposta da infraestrutura ante aspectos que non son da súa competencia como que se puidera producir unha forte riada no verán, a velocidade da auga ou o caudal. Cuestións, todas elas, que quedaron manifestamente clarificadas cos informes técnicos municipais e sobre as que non volveron aludir. Porén, o seu rexeitamento se centraba nunha consideración fundamental: a abundancia de mexillóns. Mais cando os estudos municipais realizados ex profeso clarifican que non é así, a Xunta alega agora que o número exacto de exemplares non é a cuestión principal, aínda que insiste en velar por aqueles que non se ven e que poderían estar enterrados no substrato”.

Unha preocupación que, en cambio, non tivo traslado ao terreo de campo xa que, neste tempo, o Goberno galego – segundo sinalou o tenente de alcaldesa - non fixo ningunha comprobación in situ da presenza e da magnitude das colonias senón que tomou como referencia as conclusións dos mergullos ordeados polo Concello, nos que se deixaba constancia de que a súa traslocación resultaba factible.

“Tanto circunloquio o único que fai evidente é que a Xunta nunca tivo intención de permitir que a plataforma de baño sexa unha realidade, menosprezando o clamor social que existe na cidade sobre esta dotación - o mesmo que con outras demandas históricas da capital como Museo da Romanización, a Rolda Leste ou o Plan Paradai - senón que a súa intención é, precisamente, dilapidar o seu cumprimento privando á veciñanza de exercer o seu dereito a bañarse no río en condicións de seguridade e con maior accesibilidade”, sostivo o voceiro do Executivo local.

Fernández reiterou que se trata dun dobre agravio con relación a outras localidades que sí desfrutan dun espazo similar, “tanto no que ten que ver co aspecto social pero tamén no económico e patrimonial porque a Xunta non pode esquecer que este Concello fixo un investimento superior aos 300.000 € adaptándonos a un permiso que temos concedido por 25 anos e que, para obtelo, contaba coa súa connivencia. De feito a Xunta é a única que está a poñer impedimentos á súa instalación xa que o Organismo da Cunca afirmou que a estrutura, feita a medida para ese emprazamento, respecta escrupulosamente os condicionantes establecidos na autorización”, lembrou o edil.

0.19958305358887