O Concello da Fonsagrada aproba os orzamentos de 3,4 millóns de euros
O Concello da Fonsagrada ven de aprobar os orzamentos de 3,4 millóns de euros para esta anualidade. Este fito tivo lugar na sesión plenaria celebrada no día de onte de maneira telemática despois do positivo dunha edil.
Despois de dous anos de contas prorrogadas, na sesión plenaria de onte, conseguiron chegar a un acordo, coa abstención de Nenoso Ortiz do grupo BNG que cualificou o orzamento como limitado para un concello de tanta extensión como é o da Fonsagrada. Grazas á abstención deste edil, o voto de calidade do alcalde puido desempatar os cinco votos a favor do PSOE cos cinco en contra do PP.
O total do presuposto é de 3.474.431,86 euros, sendo o 40% deste total para o financiamento dos servizos sociais, o 25% irá dirixido ao persoal, o 6% a inversións, a amortización da débeda quedará co 3% do orzamento e a colaboración con asociacións o 5%.
O voto en contra dos populares foi xustificado pola “falta de transparencia” ao non haber partidas exactas asignadas. Ademais, o BNG e os populares coincidiron na necesidade que ten o Concello de cubrir a praza de policía local.