O Concello da Xunta aproba o proxecto da terminal de autobuses da Intermodal de Lugo
O proxecto recolle a construción da nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, que a Xunta financiará con 8,5 M€, e o aparcadoiro subterráneo, que contará cunha achega autonómica de 4,7 M€.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o proxecto da terminal de autobuses da estación intermodal de Lugo, que suporá un investimento autonómico que rolda os 13,7 millóns de euros. O titular do Goberno galego enmarcou esta iniciativa no compromiso da Administración autonómica de “fomentar o uso do transporte público” para facilitar a mobilidade sostible.
O acordo do Executivo autonómico culmina así a tramitación urbanística do proxecto ao abeiro da Lei 3/2016, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, que permite reducir os prazos de tramitación. Deste xeito, o Goberno galego ordena o inicio do procedemento de alteración da ordenación urbanística, conforme a Lei do solo de Galicia, e avanza cara á dotación á cidade de Lugo dunha nova infraestrutura de transporte esencial como nexo de comunicación e garante dun modelo de mobilidade máis sustentable.
Tal e como explicou Rueda, ao abeiro do convenio asinado o pasado mes de marzo con Adif e co concello de Lugo, o Goberno galego vaise facer cargo da construción e financiación da terminal de autobuses que formará parte da futura estación intermodal.
A Xunta financia o 100% da construción dun edificio de viaxeiros e unha zona de dársenas con capacidade para 18 autobuses, máis 5 de regulación, cun investimento de 8,5 M€.
A terminal terá unha superficie de 550 m2 e distribuirase en dous andares. Na cota de dársenas disporase un interior con espazos diáfanos en que se atopen as zonas de atención a viaxeiros ou a cafetería e o andar superior destinarase a usos administrativos e instalacións da xerencia da terminal.
Pero ademais, a Xunta vai asumir preto do 40% do custo (o 37,50%), polo tanto 4,7 M€, de construír o aparcadoiro da intermodal -xusto debaixo da terminal de autobuses- con 240 prazas.
É dicir, tal e como resaltou Rueda, a Xunta “incrementa nun 50%” a contía que lle correspondería achegar polo financiamento da terminal de autobuses, xa que afronta tamén parte dos custos do aparcadoiro que é un proxecto de Adif.
Coa aprobación hoxe, a Xunta está en disposición de concluír o proxecto de execución para, de firma inmediata licitar a obra conxunta da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo antes de rematar este ano. “A previsión é iniciar as obras no ano 2024, de xeito coordinado cos traballos da estación do ferrocarril, que lle corresponde executar a Adif”, sostivo Rueda.
Deste xeito, a Xunta segue avanzando no cumprimento do convenio de colaboración, asinado en marzo co Concello de Lugo e Adif, para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal de Lugo, que suporá un investimento global de máis de 49,2 M€ e que deberá ser optimizada con máis servizos de tren e conexión co AVE, responsabilidade do Goberno de España.
A intermodal de Lugo complétase coa nova estación ferroviaria, cuxa redacción do proxecto e execución é responsabilidade de Adif. Esta intervención inclúe un novo edificio e un paso inferior, que financiará integramente o organismo estatal, cun investimento de 16,1 M€.
A intermodal tamén levará aparellada a construción dun novo paso inferior peonil de cidade entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, elementos de comunicación vertical e urbanización asociada. O orzamento destas intervencións ascende a 11,6 M€ e será financiado nun 60 % por parte de Adif e nun 40 % polo Concello.
O proxecto da intermodal de Lugo será cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.