O Concello das Nogais mellora os paseos dos ríos Valdeparada e Bois
O Concello das Nogais investiu 60.000 euros nos últimos dous exercicios para a mellora de dous paseos fluviais. Trátase dunha axuda do Goberno autonómico para o impulso de infraestruturas turísticas en concellos de ata 10.000 habitantes.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, xunto co alcalde, Jesús Manuel Núñez, comprobou hoxe os traballos executados nas marxes do río Valdeparada e avanzou as obras que se levarán a cabo este ano no río Bois, en ambos casos no núcleo urbano.
Arias destacou “o potencial do rural lucense para promover un desenvolvemento turístico sustentable” e explicou que este programa da Xunta contribúe a “poñer en valor os numerosos recursos naturais, etnográficos ou patrimoniais que conforman a oferta diferenciada de cada municipio”.
No conxunto da provincia, apuntou o delegado, o Goberno galego impulsou neste período 37 proxectos nunha trintena de concellos, que suman achegas por 1.054.100 euros.
Os traballos executados nos últimos meses nas Nogais consistiron na mellora do acceso peonil ao paseo fluvial do río Valdeparada xunto á Muralla, dende a rúa Rosalía de Castro. Demoleuse a escaleira que servía de paso e construíuse unha nova con mellor disposición e funcionalidade. Tamén se modificou o percorrido final do paseo para facilitar a embocadura do caudal cara aos ollos da ponte e instalouse unha papeleira de fundición.
Proximamente, procederase a acondicionar o paseo fluvial do río Bois ao seu paso pola localidade. As obras inclúen a renovación de 144 metro lineais de peche de madeira tratada, a pavimentación con lousas irregulares de pedra do país asentadas en morteiro sobre soleira de formigón, ou a colocación de bordillo recto de granito. Ademais, construirase un muro de mampostería cunha altura máxima de 50 centímetros para que sirva como asento.