O Concello de Antas de Ulla lanza unha campaña para incentivar o consumo local
O Concello de Antas de Ulla vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña informativa co fin de incentivar o consumo nos establecementos do municipio.
Baixo o lema 'Fai as túas compras no comercio local. Merca e consume en Antas de Ulla’, o Concello irá compartindo información e fotografías de todos os negocios e comercios asentados no termo municipal. "Ofrecerase información sobre os produtos que venden e os servizos que prestan, así como os seus horarios e forma de contacto", explican.
A campaña informativa fará un percorrido por todos os negocios de Antas de Ulla, "bares, restaurantes, supermercados, tendas, comercios, farmacias, talleres, etc" co fin de achegalos á cidadanía e animala a facer gasto neles.
Con esta iniciativa, o goberno local pretende apoiar aos empresarios e autónomos da localidade "tan afectados como consecuencia da pandemia" para que poidan "reactivar as súas vendas e sexan sempre a primeira opción".