O Concello de Antas de Ulla pon en marcha o proxecto para promover a compostaxe doméstica

LugoXa
No marco deste proxecto repartiron 140 composteiros domésticos e adquiriron unha bio-trituradora co fin de favorecer a compostaxe no municipio
miniatura composteiros domésticos
24 Mar 2021

O Concello de Antas de Ulla, a través do programa ‘Sementa vida’, vén de poñer en marcha un proxecto de compostaxe doméstica, para o que repartiu 140 composteiros entre os veciños e veciñas que así o solicitaron.

Dentro deste proxecto, desenvolvido ao abeiro das axudas concedidas polo PIMA na convocatoria do ano 2019 por un importe de preto de 32.000 euros, o goberno local habilitou tamén dous puntos informativos -un na Casa do Concello e outro na Casa da Cultura- onde as persoas interesadas poden atopar material informativo sobre o proceso de compostaxe.

De igual xeito, adquiriu unha bio-trituradora de restos vexetais, que poñerá tamén a disposición dos veciños, co fin de que poidan triturar restos vexetais xerados nas súas vivendas e obter estruturante para empregar no proceso da compostaxe.

Desde o Concello de Antas recomendánlles aos veciños e veciñas que depositen os restos orgánicos xerados no seu fogar nos composteiros domésticos e que só depositen no colector verde a fracción resto. Deste xeito axudarán a mellorar a xestión de residuos do municipio no seu conxunto. O goberno local estima que o proxecto "vai beneficiar a preto dun millar de veciños e veciñas".

Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono. Coa compostaxe obtense ademais un fertilizante natural de excelente calidade.

antas de ulla composteiro compostaxe doméstica

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14632201194763