O Concello de Antas de Ulla renuncia ao polígono industrial pola débeda que asume

O Concello de Antas de Ulla renuncia á posta en marcha do polígono industrial debido á situación económica herdada do Goberno local anterior.
A alcaldesa, Pilar García Porto, explicou que a débeda atopada tras as eleccións de 2023 ascende a 1,5 millóns de euros, o que imposibilita levar a cabo este proxecto. "A prioridade agora é manter os servizos públicos municipais", sinalou.
No ano 2022, a Deputación de Lugo aprobou a cesión gratuíta ao Concello de Antas de Ulla duns terreos destinados a un polígono industrial, vinculando esta cesión á implantación efectiva do polígono nun prazo máximo de cinco anos, ata 2027.
Porén, a situación financeira herdada do anterior goberno do PP impide asumir este compromiso. Segundo detallou a alcaldesa, os 816.000 euros de fondos europeos que se obtiveran para a reforma da Casa da Cultura foron desviados ao pago de facturas, ademais de atoparse con 300.000 euros sen pagar correspondentes a sentenzas xudiciais e 341.072 euros en impagos de subministración enerxética.
"Puxémonos a traballar e xa reducimos a débeda en 170.000 euros, e a Casa da Cultura é unha realidade, pero proxectos como o do polígono son inviables a curto prazo", afirmou Pilar García Porto. Como consecuencia, no pleno deste xoves o Concello procederá a reverter os terreos cedidos á Deputación de Lugo.
A pesar da renuncia actual, o Concello non descarta solicitar novamente a cesión dos terreos no futuro, unha vez que mellore a situación económica local.