O Concello de Antas de Ulla habilita 10 contedores para a recollida de aceite usado

LugoXa
Solicita aos veciños e veciñas que depositen alí o aceite doméstico usado, de alto poder contaminante, para a súa reciclaxe
antas ulla contedor recollida aceite usado 2
8 Mar 2021

O Concello de Antas de Ulla vén de instalar 10 contedores para a recollida de aceite doméstico usado no municipio, co fin de que os veciños e veciñas depositen alí o aceite usado, de alto poder contaminante, e proceder á súa reciclaxe.

No marco do programa 'Sementa Viva', o goberno local estableceu ademais dous puntos informativos, un na Casa do Concello e outro na Casa da Cultura, onde as persoas interesadas poderán atopar carteis coas localizacións dos contedores instalados, material informativo sobre a correcta xestión dos aceites de cociña que usen nas súas casas, así como embudes adaptados ás boquillas de botellas de auga, para que poidan depositar nelas o aceite sen que se produzan verteduras.

Desde o Concello recoméndaselles aos veciños e veciñas que, para desfacerse do aceite, esperen a que estea frío e o depositen nun envase de plástico con tapa. Cando o envase estea cheo, hai que pechalo ben para evitar verteduras e depositalo nos contedores que veñen de habilitarse en diferentes localizacións do municipio.

Hai colectores para a recollida do aceite na parroquias de Casa de Naia, Santa Mariña do Castro de Amarante, Santo Estevo do Castro de Amarante, Santiago de Dorra, San Miguel da Cervela, Santiago de Amoexa, San Fiz de Amarante e tres na parroquia de San Xoán de Antas de Ulla (na praza Nova, na praza da Irmandade, e na avenida de Pontevedra).

O programa tamén chegou ao colexio de Antas de Ulla, onde se deixou diverso material informativo e se entregou aos nenos e nenas dun xabón artesanal feito con aceite e un embude para conciencialos sobre a importancia de reciclar.

PRODUTO CONTAMINANTE

Tirar o aceite de uso doméstico polo vertedoiro ou polo inodoro provoca a obstrución do sumidoiro e retén residuos e bacterias. Ademais, cando o aceite usado chega ás estacións depuradoras de augas residuais provoca un incremento do contido de materia orgánica e isto supón un incremento do custo de depuración.

O aceite usado da cociña ten un poder contaminante moi elevado e pode resultar moi perigoso para o medio ambiente. Cando o aceite chega a medio acuáticos, provoca a morte da fauna existente na mesma por problemas de intercambio de osíxeno. Do mesmo xeito, tamén impide o paso dos raios de sol ata o interior da auga e provoca a morte de plantas acuáticas por non realizar axeitadamente a fotosíntese. Se vertes o aceites de forma reiterada no xardín da túa casa, a terra deixará de ser fértil.

A través dos contedores de recollida dos aceites usados, pódense reciclar todas as graxas e aceites de tipo vexetal xerados na preparación, cociñado e condimento de diferentes alimentos nos ámbitos domésticos, centros e institucións, hostalería, restauración ou análogos.

0.19575715065002