Baralla activa dúas liñas de axudas a autónomos e empresas para paliar as dificultades da covid
O Concello de Baralla vén de anunciar a posta en marcha de dúas liñas de axudas co fin de reactivar o tecido económico do municipio fronte ás dificultades derivadas da covid. Unha das liñas diríxese ao sector da hostalería e a restauración, e a outra a microempresas e traballadores autónomos.
O modelo de solicitude das subvencións para pequenas empresas e autónomos está dispoñible na web www.concellodebaralla.es e nas oficinas municipais, e deberá presentarse no rexistro xeral do Concello de Baralla, presencialmente ou de xeito telemático a través da sede electrónica. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
A concesión da subvención efectuarase en réxime de concorrencia competitiva, establecéndose como criterio de valoración a data e a hora de entrada que figuren rexistradas na solicitude, e sempre que reúna a totalidade dos requisitos e documentación requirida na convocatoria. A concesión de axudas manterase ata esgotar o crédito dispoñible, que ascende a 13.000 euros, se ben o goberno local non desbota ampliar o crédito "se finalizado o prazo de solicitude se tivera presentado un número de solicitudes para o que non foran dabondo a contía inicialmente consignada".
Doutra banda, o Concello de Baralla anuncia axudas de 1.000 euros para os negocios de hostalería e restauración do municipio. "Asinamos un acordo coa Xunta para simplificar os trámites burocráticos e facelo máis cómodo para os negocios, que recibirán automaticamente a subvención da Xunta máis a do Concello", explican desde o goberno local.
A maiores das subvencións, o Concello anuncia tamén a creación de 8 postos de traballo temporal co fin de "axudar neste ano difícil ás persoas desempregadas do noso pobo".