O Concello de Baralla analiza coa Xunta novos proxectos en infraestruturas e equipamentos públicos

LugoXa
A mellora da LU-710 e a ampliación da biblioteca municipal centran a xuntanza entre ambas administracións
Reunión-alcalde-Baralla-Xunta
23 Feb 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión co alcalde de Baralla, Miguel González, co obxectivo de avaliar distintos proxectos de interese para o municipio, especialmente no ámbito das infraestruturas.

Entre as actuacións máis recentes, Arias salientou as obras de acondicionamento que se están a desenvolver na estrada autonómica LU-710 ao seu paso por Baralla. Os traballos abranguen un tramo de 4,5 quilómetros que enlaza a N-VI coa autoestrada A-6 e contan cun investimento por parte da Administración galega de 2,3 millóns de euros. Esta intervención pretende mellorar a seguridade viaria e as condicións de circulación nunha vía estratéxica para as comunicacións do concello.

No encontro tamén se abordou a colaboración institucional para ampliar a biblioteca municipal, unha actuación que contará cunha achega da Xunta de 33.600 euros ao abeiro da orde de axudas dirixida aos concellos para a mellora de infraestruturas locais. Este programa, impulsado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, destinou en 2025 preto de 765.000 euros a cooperar con 23 administracións locais da provincia de Lugo no acondicionamento de instalacións públicas.

A reunión serviu así para reforzar a coordinación entre ambas administracións e facer seguimento de actuacións orientadas á mellora dos servizos e das dotacións públicas no municipio.

0.083559989929199