O Concello de Baralla organiza o Campamento de Verán 2025 para facilitar a conciliación familiar

O Concello de Baralla vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para o Campamento de Verán 2025, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos co obxectivo de favorecer a igualdade, a socialización e a conciliación da vida familiar e laboral das familias da vila.
O campamento celebrarase dende o 1 de xullo ata o 22 de agosto, en horario de 10:00 a 14:00 horas de luns a venres (agás festivos).
As actividades desenvolveranse no Centro Sociocultural e incluirán talleres de manualidades, deportes, piscina, música e natureza, adaptados ás idades e necesidades dos participantes. O servizo será completamente gratuíto.