O Concello de Castroverde abre a inscrición nas Escolas Municipais 2025-2026

O Concello de Castroverde vén de anunciar a programación das Escolas Municipais para o curso 2025-2026, que inclúen tres propostas principais: natación, ximnasia de mantemento e baile latino e de salón. A iniciativa busca ofrecer alternativas de ocio saudable e formativo tanto para a infancia como para persoas adultas.
A actividade de natación está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos. As sesións desenvolveranse os venres de 16:30 a 17:15 horas no Centro Deportivo D10 en Outeiro de Rei, cun servizo de transporte en autocar que partirá do CPI de Castroverde ás 15:30 horas. O custo mensual é de 30 euros por participante, cun mínimo de 20 alumnos e un máximo de 40.
A ximnasia de mantemento, orientada a maiores de 16 anos, terá lugar no ximnasio do CPI de Castroverde. As clases celebraranse os luns e mércores de 21:00 a 22:00 horas e os venres de 20:00 a 21:00 horas. O prezo establecido é de 15 euros ao mes, requiríndose un mínimo de 15 persoas inscritas para poder levarse a cabo.
Tamén para maiores de 16 anos, o Concello ofrece baile latino e de salón, impartido pola Escola de Danza Ritmo Lugo. As sesións terán lugar os venres de 21:00 a 22:30 horas na aula multiusos do centro sociocultural Paco Pestana. A matrícula ten un custo mensual de 25 euros e precisa un mínimo de 16 participantes.
Todas as actividades darán comezo o venres 3 de outubro e prolongaranse ata finais do mes de maio. O prazo de inscrición, para aquelas persoas que desexen incorporarse xa en outubro, remata o 17 de setembro.