O Concello de Castroverde analiza alternativas para poñer en valor a necrópole de San Miguel
Gran achado histórico en chan lucense. A asociación de de Amigos do Patrimonio Castroverde desvelou este venres que, o pasado mes de xuño, no lugar de Eirexe, na parroquia de San Miguel de Páramo do Concello de Castroverde, descubriuse unha das necrópoles de orixe altomedieval máis grandes de Galicia.
Ante o inesperado anuncio, o Concello de Castroverde anunciou que a necrópole non pode se visitada xa que non está habilitada para tal fin.
"Dende o Concello de Castroverde a día de hoxe estamos en contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para ver como proceder para manter e protexer nas mellores condicións este achádego tan importante, unha vez teñamos todo en condicións xa o faremos público para que, por suposto, poida ser visitado e todos poidamos desfrutar del nas mellores condicións e sobre todo sen danalo".
Unha das medidas que se poderían utilizar para este fin sería unha ventá arqueolóxica. Segundo esperan requírese unha actuación urxente xa que unha vez abertas, os rigores do inverno poderían destruír os restos.
O achado tivo lugar a consecuencia dos traballos de consolidación dos restos da casa reitoral que o Concello de Castroverde está a desenvolver nesta antiga edificación, situada sobre un castro e ao lado da igrexa parroquial.
Durante as últimas semanas, di a asociación, realizáronse traballos de escavación dirixidos polo arqueólogo Francisco Hervés, que puxeron ao descuberto máis dunha vintena de tumbas paralelas e orientadas en dirección suroeste-nordeste, entre a reitoral e o camiño de acceso á igrexa. O xefe da intervención afirma que «o que fai especial a este xacemento é o número de sepulcros, maior do habitual, e a situación lineal dos corpos».
Froito destas actuacións, elaborouse un informe preliminar que se remitiu á Consellería de Cultura e Educación, que deberá decidir sobre o futuro do xacemento.