O Concello de Castroverde convoca o V Concurso de Microrrelatos polo día das Letras Galegas

LugoXa
Este certame ten como obxectivo fomentar a escritura en lingua galega entre a poboación, así como incentivar a creatividade dos participantes
Imaxe do cartel das Letras Galegas 2025 da RAG
17 Apr 2025

O Concello de Castroverde convoca a súa quinta edición do Concurso de Microrrelatos, que nesta ocasión terá como temática central 'O Xardín de Catuxa'.

Este certame ten como obxectivo fomentar a escritura en lingua galega entre a poboación, así como incentivar a creatividade dos participantes, permitindo que todas as persoas interesadas a partir dos 12 anos poidan formar parte desta iniciativa cultural.

O prazo para presentar os microrrelatos estará aberto desde o 17 de abril ata o 17 de maio de 2025. Durante ese período, os participantes deberán enviar as súas obras, que deberán ceñirse á temática proposta, mantendo un estilo narrativo conciso e cargado de significado.

Un microrrelato é un texto breve que debe expresar algo pequeno, pero con gran carga emocional ou simbólica. A súa composición debe evocar imaxes ou sentimentos sen caer en explicacións ou xuízos de valor, permitindo que o lector se sinta identificado ou sorprendido co que se narra.

O xurado do concurso estará formado por profesionais especializados en linguaxe e literatura, quen valorarán os microrrelatos atendendo a criterios de ortografía, gramática, claridade do texto, adecuación ao tema e, por suposto, a creatividade e orixinalidade das obras presentadas.

Os mellores microrrelatos serán recompensados cun total de catro premios: o primeiro premiado recibirá 400 euros, o segundo 200 euros, o terceiro 100 euros e o cuarto 60 euros.

O Concello de Castroverde invita a todas as persoas con ganas de sorprender e emocionar a participar nesta edición, desafiando os tópicos e explorando novas formas de contar historias en galego.

⚙ Configurar cookies
0.17221403121948