O Concello de Castroverde organiza un Campamento de Verán para nenos e nenas

O Concello de Castroverde abre o prazo de inscrición para o seu Campamento de Verán 2025, que terá lugar durante os meses de xullo e agosto, cunha ampla oferta de actividades deportivas, educativas e recreativas pensadas para favorecer a aprendizaxe e a socialización entre os máis pequenos.
As inscricións poderán realizarse do 1 ao 15 de maio, e o campamento está dirixido a nenos e nenas en idade escolar. O obxectivo principal é ofrecer unha alternativa lúdica e formativa durante as vacacións, axudando a conciliar a vida familiar e laboral das familias.
As actividades desenvolveranse en diferentes instalacións municipais, como o Pavillón Polideportivo A Ferrería, a Área Recreativa Veiga do Olmo ou as piscinas municipais.
O campamento terá lugar do 1 de xullo ao 31 de agosto, en horario de 8:00 a 14:00 horas, de luns a venres (excepto festivos). A entrada dos participantes será de 8:00 a 10:30 horas no pavillón polideportivo municipal, e a saída entre as 13:30 e as 14:00 horas, tamén dende o mesmo lugar, salvo indicación expresa dos monitores.
O custo da actividade será de 120 euros ao mes por neno/a, aínda que os menores empadroados en Castroverde como mínimo tres meses antes do inicio do prazo de inscrición beneficiaranse dunha subvención do 50 %, polo que o prezo neste caso será de 60 euros ao mes.
Con esta iniciativa, o Concello de Castroverde aposta por ofrecer un verán activo, educativo e divertido para a infancia do municipio.