O Concello de Cervantes abre o proceso para contratar un Auxiliar de Información Turística

O Concello de Cervantes vén de anunciar a convocatoria para a contratación dun Auxiliar de Información Turística, nun contrato de 12 meses de duración a xornada parcial (50 %), con traballo de luns a domingo e os correspondentes descansos establecidos pola lexislación vixente.
O sistema de selección será concurso-oposición, e para poder participar será necesario cumprir varios requisitos, entre eles estar en posesión do Graduado Escolar, ESO, FP de primeiro grao, ciclo formativo de grao medio ou titulación equivalente, así como contar co Celga 3 ou equivalente, un nivel B1 de inglés, e o permiso de conducir tipo B.
Ademais, as persoas aspirantes deberán atoparse en situación de desemprego ou de mellora de emprego no momento da solicitude. O prazo para presentar as solicitudes será ata o 22 de abril.
As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude seguindo os modelos indicados nos anexos da convocatoria, ben de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello de Cervantes, ou ben a través de calquera dos medios recollidos na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Esta oferta de emprego representa unha excelente oportunidade para persoas interesadas en formar parte do impulso e promoción do turismo nun concello que destaca polo seu patrimonio natural, histórico e cultural.