O Concello de Cervantes aproba por unanimidade a liña de crédito para reparar a ponte de Mosteiro

O pleno do Concello de Cervantes deu luz verde por unanimidade á aprobación dunha liña de crédito que permitirá financiar a reparación da ponte de Mosteiro, unha infraestrutura clave para a mobilidade da veciñanza e cuxa estrada permanece afectada desde hai tempo.
Desde o goberno local destacan que esta actuación é prioritaria e aseguran estar traballando para que os traballos poidan iniciarse o antes posible, malia os trámites administrativos obrigatorios que deben seguirse neste tipo de intervencións.
"Trátase dun proceso que require o seu tempo, pero estamos a facer todo o posible por acelerar os prazos", indican desde a alcaldía, ao tempo que agradecen a comprensión das persoas afectadas pola situación.