O Concello de Cervantes inicia esta semana as obras de reconstrución da ponte de Mosteiro

O Concello de Cervantes anunciou que esta semana comezarán as obras de reconstrución da ponte de Mosteiro, unha intervención que o Goberno local considera “moi necesaria” para mellorar as comunicacións e garantir a seguridade viaria na zona. Dende o Executivo municipal agradeceron a comprensión da veciñanza e explicaron que o equipo de traballo fixo todo o posible por axilizar o proceso.
Segundo sinalaron, os traballos estaban previstos para finais de setembro, pero non foi posible iniciar a actuación antes debido a cuestións burocráticas alleas ao propio Concello. “Neste Concello hai un equipo de traballadores que se volca todos os días para sacar o traballo adiante, aínda que ás veces as cousas que non dependen de nós non son tan áxiles como nos gustaría”, manifestaron dende a administración local.
A obra permitirá recuperar unha infraestrutura clave para a comunicación entre os núcleos da contorna e suporá unha mellora significativa na seguridade e accesibilidade para os veciños e veciñas da parroquia de Mosteiro.