O Concello de Cervantes organiza o campamento de verán para nenos e nenas

LugoXa
A iniciativa gratuíta ofrece actividades lúdicas e educativas durante o mes de xullo para favorecer a conciliación familiar e o ocio infantil
Campamento-verán-Cervantes
9 Jul 2025

O Concello de Cervantes organiza un ano máis o Campamento de Verán de Cervantes, unha proposta lúdica e educativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. Esta iniciativa está pensada para favorecer a conciliación entre a vida familiar e laboral durante o mes de xullo, ofrecendo aos rapaces unha alternativa divertida e enriquecedora nas vacacións escolares.

O campamento desenvolverase nas instalacións do CPI Cervantes en horario de 10:00 a 14:00 horas nos días 15, 16, 17, 18, 21, 23, 24, 28 e 29 de xullo. Serán nove xornadas repletas de actividades adaptadas ás diferentes idades, con xogos, talleres, creatividade, aprendizaxes compartidas e moita diversión.

A proposta fomenta a socialización, o traballo en equipo e o contacto activo co entorno e o medio ambiente no que vivimos. Ademais, busca promover valores como o respecto, a convivencia e a cooperación a través do xogo e das experiencias compartidas.

As prazas son limitadas e gratuítas, cun total de 24 dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición. Terá prioridade o alumnado do CPI Cervantes, pero se quedan prazas libres poderán participar tamén nenos e nenas doutras localidades.

O prazo de inscrición estará aberto do 8 ao 11 de xullo, ambos incluídos. As familias interesadas deberán acudir ás oficinas do Concello de Cervantes para cubrir a solicitude de inscrición que se facilitará no propio Concello.

Dende o Concello agradecen a confianza das familias e animan a participar nesta nova edición do Campamento de Verán.

⚙ Configurar cookies
0.14185786247253