O Concello de Cervantes pide á Xunta un compromiso firme coa restauración das pallozas de Piornedo

O Concello de Cervantes continúa a reclamar a implicación real das administracións na protección do seu patrimonio e do seu medio natural.
Nesta liña, o portavoz do PP municipal, Óscar Fernández, trasladou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, as prioridades que veñen de ser aprobadas no Pleno da Corporación e que inclúen actuacións clave como a restauración das pallozas de Piornedo, a dinamización da Reserva Nacional de Caza dos Ancares e o reforzo dos recursos humanos da brigada de Medio Ambiente.
A restauración e protección das pallozas de Piornedo, símbolo da arquitectura tradicional da montaña lucense, figura como obxectivo prioritario tras o acordo plenario que insta á colaboración entre Xunta, Deputación e Concello para garantir a conservación deste conxunto único. A proposta, presentada polo Partido Popular, foi aprobada polo Pleno e busca frear o deterioro deste enclave histórico e potenciar o seu valor cultural e turístico.
Ademais, o Concello de Cervantes tamén demanda un maior apoio para a Reserva Nacional de Caza dos Ancares, coa intención de fomentar a súa dinamización e protección ambiental, ao tempo que solicita ampliar a brigada de Medio Ambiente para facer fronte ás tarefas de conservación e prevención nos espazos naturais do municipio.
Óscar Fernández valorou a “boa disposición” amosada polo presidente da Xunta durante a xuntanza e agradeceu a continuidade de axudas autonómicas que contribúen ao desenvolvemento do municipio. Entre elas, destacou máis de 75.000 euros para melloras en camiños municipais, arredor de 30.000 euros para a compra dun novo tractor e preto de 50.000 euros para a contratación de tres peóns a través do programa APROL Rural, que permite fomentar o emprego no ámbito local.
Tamén salientou o apoio da Xunta ao Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) Ancares, co obxectivo de facilitar a súa actividade e garantir que poida seguir contribuíndo ao benestar da veciñanza con programas sociais, culturais e de desenvolvemento comunitario.