O Concello de Friol suspende a Feira de Gando debido á propagación da EHE
O Concello de Friol decidiu suspender a edición número doce da súa feira de gando vacún de carne, que este ano se celebraría o sábado día 28 de setembro debido a propagación da enfermidade EHE.
Esta decisión tómase por parte do Concello con sentido da responsabilidade e seguindo os consellos dos técnicos sanitarios que aconsella non realizar este tipo de eventos, no que se aglutinan grandes cantidades de animais, debido ao incremento de casos da EHE (Enfermidade Hemorráxica Epizoótica) na zona de afección do municipio e en toda a comunidade galega en xeral.
Con esta medida téntase evitar, ou polo menos axudar a frear, a propagación da enfermidade entre as gandarías asistentes ao evento.
O Concello e Friol e os servizos veterinarios xa tiñan todas as gandarías inscritas, un total de trece, con case 170 cabezas participantes, das cales dez serían para a poxa, que un ano máis se ía celebrar nesta Feira. Ademais, como novidade en esta edición, ía expoñerse unha mostra de gando autóctono, en total habería unhas dez cabezas. A pesar de ter todo organizado, desde o ente organizador optan por cancelala e non correr riscos innecesarios nun momento tan delicado como o que se está vivindo nas explotacións galegas.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, resalta que “a gandería dedicada a produción de carne, é un dos sectores mais importantes do noso municipio, no que a parte de axudar ao seu impulso, debemos de protexelo e coidalo, polo que a celebración desta feira de gando vacún de carne sería moi importante para o sector en particular e para o pobo en xeral, pero nestes momentos, dada a situación actual parécenos mais importante ser cautos e coherentes, tentando limitar así, na medida das nosas posibilidades o aumento da incidencia e a expansión da EHE, enfermidade que podería traer un grave problema ás explotacións participantes en este evento, así como as que no día a día teñen relación coas mesmas”.