O Concello de Lugo renuncia a instalar unha das ramplas do río Miño

LugoXa
Enviou xa á Xunta de Galicia a solicitude de traslocación dos mexillóns existentes no punto do río onde pretende habilitar o acceso que facilite o baño
acea-de-olga-rio-mino
20 Ago 2024

O Concello de Lugo enviou xa á Xunta de Galicia a solicitude de traslocación dos mexillóns existentes no punto do río onde pretende habilitar o acceso que facilite o baño. A petición realízase toda vez que a Administración local dispón xa do beneplácito da Confederación Hidrográfica para colocar as estruturas, ao ser este o organismo competente - tal e como indicaba a propia dirección territorial da Consellería de Medio Ambiente no seu informe - para autorizar a instalación das plataformas e o seu balizamento.

A área de Transición Ecolóxica completaba a documentación necesaria para facer efectivo o premiso sinalando finalmente, na petición, un único punto de entrada ao Miño. Trátase do situado augas abaixo e no que se contabilizou a existencia de unicamente 96 exemplares de náiade, o que debería simplificar tanto as tarefas de desprazamento como a minoración dos tempos necesarios para realizar estes traballos que se piden poder enmarcar nas inmediacións da zona de baño nas que se constatou, a este respecto, suficiente capacidade de acollida.

Porén, a rexedora lucense, Paula Alvarellos, explicou que o principal motivo desta decisión obedece ao importante desnivel que presenta a ribeira do río no segundo emprazamento, o situado augas arriba, e que obrigaría a facer un desmonte considerable do terreo.

“Tendo en conta a que altura do verán nos atopamos e, sobre todo, o calado dos labores que sería necesario executar para salvar a pendente que separa a zona verde da lámina de auga, entendemos que este ano e, debido ás circunstancias, resulta moito máis eficiente concretar nun único punto todos os esforzos se iso implica poder habilitalo canto antes e que a cidadanía poida entrar e saír do río en condicións máis cómodas e seguras que se o fixera polo seu propio pé”, afirmou a alcaldesa.

Cómpre lembrar que, o estudo realizado pola consultora ambiental Biosfera permitiu comprobar a existencia de dúas localizacións, diferentes ás inicialmente sinaladas na primeira proposta municipal, nas que se rexistraba unha baixa densidade de moluscos e que facía factible a colocación das ramplas.

Eses puntos están a escasos metros 10 metros augas abaixo para a plataforma situada augas abaixo – na que o Concello pretende actuar en canto reciba o permiso da Xunta para mover os mexillóns - e en torno a 5 metros arriba, no caso da situada augas arriba pero que, pola orografía da zona, dificulta a súa instalación.

Alvarellos Fondo aludiu novamente ao compromiso de colaboración que obtivo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para todo o relativo á colocación destas pasarelas, por iso agarda que “ao igual que respostaron con tantísima celeridade á nosa petición a semana pasada, tamén o fagan agora para achegarnos unha data na que iniciar os traballos”, concluíu a alcaldesa de Lugo.

0.19791293144226