O Concello de Lugo aboará máis de 1.5 millóns de euros a Urbaser

LugoXa
Os populares denuncian a factura de 1.
19 Abr 2024

Os populares denuncian a factura de 1.569.176,03 millóns de euros que aboará o Concello a Urbaser, a anterior empresa concesionaria da limpeza. Para eles “é incrible que se dea esta circunstancia cando todos lembramos como era a prestación deste servizo e os problemas de limpeza que tiñamos en Lugo nos anos 2021e 2022”.

Segundo trasladan dende o Goberno local, esta cantidade será para pagar horas extra e vacacións do persoal de Urbaser e explican que negociaron coa empresa pagar o 59 % para non afectar ao funcionamento do Concello. Dende o PP manifestan que se trata dunha cantidade moi significativa que afectará á situación económica do concello ao ter que pagar 1.5 millóns de euros dunha factura do ano 2022.

Pola súa parte, o Concello de Lugo sinala que se trata dunha cantidade elevada, superior á mensualidade que recibía a concesionaria, atribuíble aos custos de liquidación do devandito contrato. Esta esixiu, por parte da empresa, a achega de numerosa documentación que permitise ao Concello comprobar e verificar a adecuación do importe para proceder ao pago da mesma.

Debido a que cando se incorporou toda esa documentación non existía consignación orzamentaria para asumila na súa totalidade, acordaron coa compañía fraccionar o seu pagamento. Aprobarase no vindeiro pleno despois de que que a nova factura tivera que rexistrarse dúas veces por un erro ocorrido no sistema operativo FACE, o que demorou o inicio do procedemento.

Explican, ademais, que a sinatura do último informe necesario para darlle continuidade á tramitación non se puido facer ata o día seguinte a que se pechara a relación de asuntos da Comisión de Contas, o que obrigou a levalo fóra da orde do día, xa que este Goberno ten a firme determinación de abonala neste mes.

O PP critica a actuación

Deste xeito, os populares son moi críticos coas formas coas que PSOE e BNG abordan asuntos deste calado “incorporándoos á documentación das comisións con nocturnidade e alevosía”. Ademais, denuncian que case o 70% das facturas que a nova alcaldes elevou a pleno non se axustan aos trámites legais e que en 4 meses presentou pagos a empresas e autónomos por un importe de 3 millomns de euros con recoñecementos extraxudiciais, dos cales 2 millóns de euros pagárose con reparos.

Os populares lamentan que Paula Alvarellos “bate récords” nos pagos con reparos de legalidade. “Dende o un de xaneiro e ata a data do pleno do vindeiro 25 de abril os recoñecementos de crédito suman 2.753.642,94 e deles están reparados: 1.998.868,04 euros”, sosteñen.

Con respecto á situación das terrazas recoñeceron que van tarde coa elaboración da ordenanza prometida dende 2021 e que o bando e a ordenanza non teñen nada que ver o único que provoca á veciñanza son incertezas. “As respostas que nos brindan nas comisións confirman que o Goberno local de Lugo traballa sen planificar e que non ten sensibilidade con problemáticas do día a día da veciñanza e empresarios”, conclúen.

0.18132400512695