O Concello de Lugo abre a convocatoria das axudas a entidades deportivas

LugoXa
O Concello dedica este ano 321.
axudas jorge bustos
19 sep 2023

O Concello dedica este ano 321.000 euros ao fomento da actividade física a través da concesión de subvencións ás entidades sen ánimo de lucro que traballan neste eido no municipio. O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, convidou está mañá aos numerosos clubs de todas as disciplinas deportivas a solicitar esta liña de financiamento antes de que remate o seu prazo da convocatoria o próximo 29 de setembro. “Estamos convencidos de que é fundamental para o noso futuro como cidade potenciar as habilidades deportivas da mocidade para así poder contar cunha veciñanza máis realizada, máis feliz e máis saudable. Para iso é preciso potenciar o inmenso traballo que se está a levar a cabo desde o tecido asociativo lucense no fomento do deporte base. En cada barrio hai un colectivo disposto a facer sociedade e a facilitar a inclusión a través da práctica deportiva. Esta liña de subvencións, para axudar de forma directa aos clubs, ten por obxectivo preservar este tesouro social que necesita o compromiso das administracións para continuar o seu importarte labor”, explicou o edil.

Así mesmo, o concelleiro animou a todas as entidades de recente creación dedicadas á práctica de novas disciplinas a participar neste proceso e solicitar tamén estas achegas nas que se teñen en conta criterios como o número de deportistas federados nas súas filas, o número de equipos participantes en Ligas nacionais, galegas o provinciais, o nivel territorial que teñan os eventos que organizan, o número de asistentes que acoden aos mesmos ou a utilización que fan das instalacións municipais, entre outros aspectos. “O respaldo das novas disciplinas é o camiño para garantir o futuro do deporte lucense”, dixo.

Bustos remarcou a importancia da cooperación entre a Administración local  e o tecido asociativo, traballo que se enmarca tamén no Plan Estratéxico de Subvencións, aprobado polo Concello no pasado mandato como ferramenta indispensable para promover e potenciar a participación da sociedade civil na xestión municipal. “Lugo é unha cidade de deporte. De feito, podemos presumir de contar cunha concentración de talento deportivo extraordinario no noso municipio. O Goberno de Lara Méndez leva anos realizando un forte esforzo neste sentido, non só con estas achegas directas, se non cedendo de forma gratuíta as instalacións aos club para albergar a súa actividade e conservar e ampliar a extensa rede de dotacións deportivas para cubrir as novas necesidades dos equipos”, explicou o concelleiro.

0.19173002243042