O Concello de Lugo abre o aparcadoiro das Gándaras tras investir 15.000 euros en obras de mellora

O Concello de Lugo puxo xa a disposición dos usuarios o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras, unha vez rematadas as obras de mellora e adecuación realizadas con fondos municipais. O alcalde, Miguel Fernández, visitou esta mañá o estacionamento xunto a veciños do barrio, destacando que se trata dunha resposta ás peticións dos equipos que adestran nestas instalacións.
A intervención supuxo un investimento de 15.000 euros e culmina un proceso iniciado en xaneiro de 2024, cando a área de Deportes iniciou as negociacións coa Subdelegación de Defensa para conseguir a cesión temporal dos terreos, de propiedade militar. O acordo permitiu legalizar o uso da parcela e licitar en agosto pasado os traballos de acondicionamento, que agora conclúen co estacionamento operativo.
O rexedor municipal puxo en valor o labor de Jorge Bustos, edil de Deportes, que impulsou as conversas co Ministerio de Defensa e que permitiron dar viabilidade ao proxecto. Fernández sinalou que a actuación beneficiará directamente aos seis clubs de fútbol que utilizan diariamente o campo das Gándaras, en horarios de tarde, e que complementa outras melloras xa realizadas, como a ampliación da cuberta do campo 2.
As instalacións acollen tamén cada fin de semana numerosas competicións, con ata quince partidos entre fútbol 8 e fútbol 11, tanto en ligas locais como galegas, o que fai do novo aparcadoiro un servizo esencial para deportistas, familias e público asistente.